Héctor Salvador achegará a Ribadeo a experiencia de mergullarse na Fosa das Marianas

A Semana Náutica de Ribadeo ofrecerá o vindeiro 10 de agosto unha cita excepcional para os amantes do mar e do mergullo coa conferencia do lucense Héctor Salvador, un dos poucos exploradores do mundo que conseguiu chegar ao punto máis profundo dos océanos.
O encontro celebrarase ás 20.00 horas no Real Club Náutico de Ribadeo, onde o mergullador relatará en primeira persoa a experiencia de descender ata os 10.706 metros de profundidade da Fosa das Marianas, considerada a zona máis profunda do planeta.
Durante a charla, Salvador compartirá cos asistentes as sensacións vividas nunha expedición única, así como os coñecementos adquiridos ao longo desta inmersión extrema. A sesión permitirá achegar ao público os retos técnicos, científicos e humanos que implica unha misión destas características, converténdose nunha oportunidade para coñecer de preto un dos maiores desafíos da exploración submarina.
A actividade está organizada polo Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo, coa colaboración do Real Club Náutico de Ribadeo, dentro da programación da Semana Náutica.
A organización anima a participar tanto ás persoas afeccionadas ao mergullo como a todas aquelas interesadas no mundo mariño e na exploración oceánica, destacando que será unha ocasión para descubrir, da man dun protagonista directo, como é a experiencia de alcanzar un lugar ao que moi poucas persoas lograron acceder.