Gueimunde acusa ao bipartito de “dinamitar” o proxecto da Xunqueira

AMariñaXa
A alcaldesa Mariña Gueimunde acusa ao PSOE e BNG de neglixencia na tramitación do plan para reducir o risco de inundacións no río Fontecova
PP-Viveiro-Marina-Gueimunde
15 May 2025

O Concello de Viveiro vén de desbloquear o proxecto de melloras estruturais na zona da Xunqueira para a prevención de inundacións no río Fontecova, despois de meses de paralización administrativa atribuída ao anterior equipo de goberno. No pleno municipal desta semana aprobouse a expropiación forzosa das parcelas afectadas polo plan, un paso imprescindible para a súa execución por parte de Augas de Galicia.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, explicou que o proxecto —orientado á diminución do risco de enchentes no entorno do ARPSI fluvial ES014-LU-170101— levaba paralizado desde o 13 de novembro de 2023. Naquel momento, segundo afirmou, Augas de Galicia remitiu ao Concello unha solicitude formal para que achegase varios documentos: o acordo plenario de aprobación do proxecto, o compromiso de asumir o seu mantemento, a disposición dos terreos e a resposta ás alegacións cidadás formuladas durante a exposición pública.

Con todo, e malia a gravidade do requirimento, o goberno local daquela —formado polo PSOE e o BNG— non achegou ningunha das certificacións solicitadas. A rexedora actual cualificou este feito de “inadmisible” e lamentou a “parálise absoluta” do expediente: “Asinar un convenio e esquecer as obrigas que implica é unha mostra de irresponsabilidade institucional moi grave”, criticou.

O grupo socialista, pola súa banda, negou que o proxecto estivese parado, asegurando que “Augas de Galicia non volveu insistir” na documentación pendente. Tamén alegaron que o requirimento non foi rexistrado nin en Alcaldía nin en Secretaría por mor dun erro interno. Gueimunde replicou con dureza estas explicacións: “É inaudito que unha alcaldesa que estivo máis de dez anos ao fronte do Concello non se decatase dun documento oficial. Non se pode culpar aos funcionarios por non facer o que corresponde a quen asina os convenios”.

A alcaldesa sinalou tamén á antiga socia de goberno de María Loureiro, Míriam Bermúdez, como posible copartícipe da omisión: “O escrito foi dirixido aos departamentos de Medio Ambiente e Obras. Se Bermúdez non viu o requirimento ou non o comentou coa señora Loureiro, é porque a coordinación entre elas era nula. E quen paga as consecuencias son, coma sempre, os veciños de Viveiro”.

Mariña Gueimunde insistiu en que calquera membro do executivo local pode consultar o estado dos expedientes “navegando pola plataforma municipal”. “Era tan sinxelo como escribir ‘Fontecova Xunqueira’ para acceder á información. Pero a quen lle corresponde a responsabilidade política é ás anteriores titulares do goberno, non aos técnicos municipais”, concluíu.

O proxecto da Xunqueira, considerado estratéxico para a seguridade hídrica da cidade, quedou así temporalmente en suspenso pola falla de tramitación formal. Co paso dado esta semana, o Concello busca recuperar o tempo perdido e garantir a execución das obras por parte da administración hidráulica autonómica.

⚙ Configurar cookies
0.15591216087341