Galicia presenta a demanda para acompañar á frota no seu recurso contra o veto á pesca de fondo

AMariñaXa
Galicia presenta a demanda para acompañar á frota no seu recurso contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas
barco pesca marina 1
barco pesca marina 1
30 mar 2023

Se o Tribunal Xeral da Unión Europea acepta a participación como parte coadxuvante, a Xunta poderá intervir no procedemento e defender de xeito directo os intereses tanto do sector afectado como do conxunto da autonomía.

A Xunta de Galicia presentou esta semana ante o Tribunal Xeral da Unión Europea a demanda de intervención da comunidade autónoma como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e os seus socios contra o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. Se o tribunal acepta a participación como parte coadxuvante, o Executivo galego poderá intervir no procedemento e defender de xeito directo os intereses tanto da frota afectada como do conxunto da autonomía.

De feito, a demanda presentada pola Consellería do Mar fundamenta a súa potestade para exercer esta acción lembrando que a norma que prohibe a pesca de fondo afecta a caladoiros vitais para a frota galega, polo que a intervención neste proceso xudicial “se incardina incuestionablemente nas obrigas e competencias da Xunta en representación do interese público”.

Ademais salienta o impacto socioeconómico que esta medida ten na comunidade, especialmente dependente da pesca en relación co resto de rexións da Unión Europea. Nesta liña, o Executivo galego subliña que o pesqueiro é un sector estratéxico tanto polo seu peso económico como pola súa dimensión social pois aporta o 4,8% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade, preto do 5,5% do Valor Engadido Bruto e é o cuarto sector con maior volume de exportacións.

A demanda galega tamén incide en que o sector pesqueiro é vital para a economía dun terzo (109) dos concellos galegos, converténdose na actividade principal dalgúns deles como Ribeira (32% do seu PIB) ou Burela, con preto do 20%. De feito, estes municipios son porto base dalgúns dos 200 buques directamente afectados e distribuídos por todo o territorio costeiro galego.

A Xunta lembra ademais o impacto que o veto decretado por Bruxelas está a ter xa no sector e que pode agravarse no futuro. Só nos 100 primeiros días de vixencia desta prohibición as capturas totais da frota afectada descenderon un 22%, unha caída que en moitos casos chegou ao 50%, especialmente para algúns barcos que faenan en augas de Gran Sol.

Nesta liña, a comunidade estima que as perdas directas da frota galega poderían alcanzar os 216 millóns de euros ao ano, unhas cifras que nas lonxas de Galicia ascenderían ata os 228 millóns de euros dado que os portos da comunidade reciben tamén descargas de buques doutras rexións. A isto engádese que o veto pon en risco de xeito directo o futuro desas 200 embarcacións e de preto de 2.300 tripulantes mentres que de xeito indirecto están ameazadas arredor de 900 embarcacións e outros 2.400 profesionais do mar.

Fórmula de defensa

A Xunta segue así coa senda marcada desde o primeiro momento polos xuristas especializados aos que solicitou asesoramento e que incidían en que a mellor fórmula dunha rexión para defender os intereses do seu sector ante o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea era acompañalo como parte coadxuvante.

Este é o primeiro paso nun procedemento no que a comunidade debe xustificar axeitadamente que ten intereses nesta cuestión e que a medida adoptada por Bruxelas ten impacto no conxunto da rexión. Se a súa petición é aceptada, poderá acompañar á frota na súa defensa aportando argumentos e intervindo directamente no procedemento.

O Executivo galego defende a necesidade de paralizar un veto que considera totalmente arbitrario, sen estudos científicos que o avalen, e inxustificado, pois impacta especialmente nunha das artes máis selectivas que existen, o palangre de fondo. Ademais, lembra que non se realizaron informes previos de impacto socioeconómico poñendo así en risco a viabilidade da frota e moitos postos de traballo.

pesca arrastre fondo mar