Galicia pide a Bruxelas que compense a perda de posibilidades de pesca de xarda para amortizar a sobrepesca de anos anteriores

TerraChaXa | AMariñaXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu en Madrid a compensación por parte da Comisión Europea da perda das posibilidades de pesca da xarda, provocada polos erros nas avaliacións científicas sobre a especie detectados, subliñou a conselleira, “cando a pesqueira da xarda xa rematou para a nosa frota”.
12 Jun 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu en Madrid a compensación por parte da Comisión Europea da perda das posibilidades de pesca da xarda, provocada polos erros nas avaliacións científicas sobre a especie detectados, subliñou a conselleira, “cando a pesqueira da xarda xa rematou para a nosa frota”. Neste sentido, Galicia pide a Bruxelas que se revise o Total Admisible de Capturas (TAC) para este ano e que se poida utilizar para compensar a sobrepesca de anos anteriores.  
Ademais a titular de Mar defendeu a flexibilización na determinación das posibilidades de pesca para o ano 2020 e que nela se teña en conta o bo comportamento dos stocks de peixes nas zonas nas que faena a frota española e a galega en particular, onde o 78% das poboacións se atopan no Rendemento Máximo Sustentable (RMS),  é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock.  Tamén se debe ter en conta, advertiu a titular de Mar, que no 2020 todas as pesqueiras deben ter acadado o RMS e que estará marcado polo desenvolvemento do brexit.
Así o recalcou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, onde se abordou a comunicación da CE sobre o estado da aplicación da política pesqueira común (PPC) para preparar o establecemento das posibilidades de pesca para o 2020.
Outro dos asuntos tratados no Consello Consultivo foi o regulamento do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Un asunto, aclarou a titular de Mar, que aínda se está negociando e debatendo, pois “quedan as negociacións nos trílogos, co novo Parlamento Europeo e coa Comisión”.
Neste sentido, a conselleira sinalou que Galicia segue insistindo nas liñas que vén defendendo de cara a este fondo e que se recollen na declaración conxunta de España, Francia e Italia sobre este fondo. Este documento, lembrou Rosa Quintana, defende unha ferramenta de financiamento flexible e a mellora da habitabilidade nos buques, entre outros aspectos, e busca “que o sector pesqueiro sexa o máis beneficiado posible do FEMP”.
Dentro da avaliación do regulamento deste fondo despois de 2020, Rosa Quintana solicitou ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, que se teña en consideración a redacción do artigo relacionado coas sancións de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada que obriga a inadmitir as axudas ás confrarías.  O obxectivo, explicou, é mellorar a súa redacción para impedir que a aplicación da normativa ocasione prexuízos ao sector.

0.11534190177917