Galicia demanda a Bruxelas flexibilidade na fixación das cotas de pesca de 2021

TerraChaXa | AMariñaXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que abordou os asuntos de maior interese para o sector marítimo-pesqueiro galego entre os que se atopa a fixación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de cara a 2021.
29 Nov 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que abordou os asuntos de maior interese para o sector marítimo-pesqueiro galego entre os que se atopa a fixación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de cara a 2021. Neste sentido, a representante do Executivo galego defendeu a necesidade de que haxa flexibilidade na xestión das pesqueiras, tal como piden España e Galicia, especialmente tendo en conta o bo comportamento dos caladoiros nos que faenan as frotas española e galega.

A titular de Mar lembrou tamén a necesidade de que, máis que nunca, na fixación das posibilidades de pesca se teñan en conta non só os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais pois tanto o conxunto do sector como da sociedade están a vivir unha situación difícil derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. 

Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que a proposta de TAC e cotas realizada pola Comisión Europea -que non inclúe as pesqueiras de Gran Sol e Francia á espera de que conclúan as negociación sobre a relación entre a UE e o Reino Unido tralo brexit- é netamente negativa para España, con propostas de redución das capturas no caladoiro Cantábrico Noroeste que chegan ao 13% nos casos da pescada sur e do peixe sapo ou ao 11% no caso do rapante, polo que demandou flexibilidade na xestión de especies.

Galicia defendeu que nas especies peláxicas, con gran presenza no caladoiro, se debería ter en conta a necesidade de separar os TAC de acordo coa súa situación biolóxica así como aplicar fórmulas de flexibilidade en canto ao solapamento de stocks en determinadas zonas, caso do xurelo ou da anchoa. A isto engadiu a importancia de adecuar as medidas de xestión á aplicación da obriga de desembarque con especial atención á selectividade das artes empregadas e á homoxeneidade na aplicación de medidas restritivas sobre o seu uso.

Nesta liña, a conselleira do Mar tamén trasladou á representante do Executivo comunitario a transcendencia de que non haxa diferenzas entre as medidas adoptadas nunhas zonas de pesca en relación con outras, para evitar agravios comparativos e unha menor aceptación das medidas por parte dos pescadores.

Brexit

Rosa Quintana tamén abordou a incerteza existente sobre a relación entre a UE e Reino Unido tralo brexit e instou a non baixar a garda e evitar que nos últimos momentos da negociación o sector pesqueiro sexa utilizado como moeda de cambio e saia prexudicado nun posible acordo. Neste sentido, solicitou que o acceso ás augas por partes dos buques da UE a cambio do acceso ao mercado europeo por parte dos produtos británicos siga sendo unha das máximas desa negociación. 

Ante a posibilidade de que os contactos entre as partes se pechen sen acordo, a titular de Mar trasladou a Charlina Vitcheva a necesidade de aprobar plans de continxencia en distintos eidos así como permitir que se beneficien da reserva de axuste do brexit aquelas rexións prexudicadas pola concentración de máis buques nas súas zonas de traballo ante o abandono de augas británicas por parte da frota prexudicada polo acordo. 

Reforma do FEMP

Ante o escenario derivado do brexit e o impacto económico da pandemia da covid-19 no sector, a representante do Executivo galego tamén expuxo a Bruxelas a necesidade de reforzar o apoio ao complexo mar-industria a través do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) así como a súa simplificación e adecuación para que favoreza a renovación da frota, a incorporación de xente nova ao sector ou a inclusión do marisqueo a pé como potencial beneficiario de apoios directos e individualizados, entre outros retos do sector.

Nesta mesma liña de defensa dos intereses do sector, a conselleira do Mar tamén fixo fincapé na importancia de que as autoridades europeas reforcen as campañas de comunicación en defensa da frota da UE para enxalzar o seu importante esforzo na conservación dos recursos e así facer fronte ás mensaxes medioambientalistas que promoven unha actuación moi restritiva por parte das autoridades europeas na fixación das posibilidades de captura.

 

0.18211197853088