Galicia contará con 536 centros plurilingües no curso 2026/27

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | OurenseXa
Seis centros incorporaranse por primeira vez ao programa e outros dous estenderán a súa participación a novas etapas, mentres que 40 centros ofrecerán 197 ciclos e másteres de FP con parte do currículo nunha lingua estranxeira
ies-perdouro-burela
IES Perdouro, Burela
13 Aug 2026

O sistema educativo galego contará o próximo curso 2026/27 con 536 centros plurilingües nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Seis centros incorporaranse por primeira vez a este modelo e outros dous ampliarán a súa participación a novas etapas educativas, mantendo así a evolución crecente dunha iniciativa de carácter voluntario para os centros.

Do total, 445 centros ofrecerán o modelo plurilingüe en Primaria, 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 en Bacharelato e 40 en Formación Profesional, tendo en conta que algúns centros participan en máis dunha etapa.

Entre as novas incorporacións figuran o Colexio de Galán, en Arteixo; o Colexio O Salvador, na Pastoriza; o Colexio Antonio Blanco Rodríguez, en Covelo; o Colexio de Ardán, en Marín; o Colexio Balaídos e o Instituto Valadares, ambos en Vigo.

A estas seis incorporacións súmanse dous centros que ampliarán o modelo a outra etapa. O Colexio Plurilingüe de Antas de Ulla, en Lugo, que xa o aplicaba en Infantil, estenderao agora a Primaria. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe As Mercedes, en Ourense, tamén ampliará de Infantil a Primaria.

Ademais do modelo de centros plurilingües, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso con case 4.500 seccións bilingües autorizadas. Nesta modalidade, un grupo de alumnos cursa unha determinada área, materia ou módulo de maneira bilingüe. Esta iniciativa leva máis de 15 anos en funcionamento e foi pioneira no seu momento no conxunto de España.

A Formación Profesional contará o próximo curso con 197 ciclos e másteres impartidos en 40 centros nos que parte do currículo se desenvolverá nunha lingua estranxeira.

A oferta estará composta por 93 grupos de ciclos plurilingües e cinco másteres que comezarán no curso 2026/27, aos que se engaden outros 99 grupos que iniciaron esta modalidade o ano pasado e que continuarán en segundo curso.

A formación desenvolverase principalmente en inglés, aínda que tamén haberá ensinanzas en francés e portugués. En 187 dos ciclos e másteres a formación realizarase a través de módulos en inglés, nalgúns casos combinados con francés, mentres que en 15 a lingua empregada será o portugués.

Por provincias, serán 16 os centros autorizados na Coruña, seis en Lugo, catro en Ourense e 14 en Pontevedra.

Entre os centros que se incorporan á oferta de ciclos plurilingües están o IES Ramón Menéndez Pidal e o CPR Karbo, na Coruña; o IES de Curtis; EFAG Piñeiral, en Arzúa; o IES Perdouro, en Burela; e o IES Laxeiro, en Lalín.

En total, estas ensinanzas corresponderanse con 68 titulacións diferentes de Formación Profesional nas que parte do currículo se impartirá nunha lingua estranxeira durante o curso 2026/27.

A Consellería de Educación destaca que o plurilingüismo na FP, ademais de contribuír á adquisición de competencias lingüísticas, pode favorecer a inserción laboral do alumnado. O dominio oral e escrito de linguas estranxeiras facilita o desenvolvemento profesional das persoas tituladas no espazo europeo e encaixa coa liña de internacionalización da Formación Profesional impulsada pola Administración autonómica.

As escolas de Arte e superiores de Deseño Pablo Picasso, da Coruña, e Ramón Falcón, de Lugo, volverán contar o próximo curso con dous ciclos plurilingües.

Na escola coruñesa impartirase en inglés o ciclo formativo de grao superior en Ilustración, mentres que no centro lucense se ofrecerá na mesma lingua o ciclo de grao superior en Fotografía.

Ademais, funcionarán 17 seccións bilingües nunha decena de centros que imparten ensinanzas artísticas, co obxectivo de favorecer a práctica de idiomas.

Por outra banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a rematar o deseño dun novo sistema para dotar os centros de auxiliares de conversa que substitúa a vía utilizada ata agora a través do Ministerio de Educación.

A Xunta sinala que se viu obrigada a abandonar o modelo anterior pola falta de seguridade xurídica que, segundo indica, implicaba multas millonarias para as comunidades autónomas.

Ata o momento, os auxiliares de conversa que chegaban a Galicia mediante os acordos de cooperación xestionados polo Goberno central facíano baixo as condicións establecidas polo Ministerio, que determinaba os requisitos, seleccionaba os auxiliares e distribuía as prazas.

Segundo a Consellería, o Goberno galego cumpría estas condicións e asumía ademais a maior parte do custo do programa, financiando o 90 %, equivalente a 4,8 millóns dos 5,2 millóns de euros do investimento total.

Neste contexto, a Xunta asegura que o Goberno central rexeitou a súa proposta para transferirlle fondos autonómicos e que fose o propio Ministerio o encargado de xestionar directamente estes auxiliares. Ante esta situación, a Administración galega afirma que mantén o seu compromiso coa aprendizaxe de linguas e traballa na posta en marcha de novas vías de reforzo neste ámbito.

0.13036394119263