Galicia concentra o maior número de axudas do MITECO para a repotenciación eólica e hidroeléctrica

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Destacan os 35 expedientes para as catro provincias, 25 en parques e 10 en centrais, que supoñen 178 millóns de euros
Eolicos
24 May 2026

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), publicou a listaxe preliminar dos 149 proxectos seleccionados na segunda convocatoria do programa REPOTENCIACIÓN CIRCULAR (REPOTEN 2), de axudas á renovación de parques eólicos antigos e instalacións hidroeléctricas de ata 50 MW. A proposta de resolución provisional inclúe 80 iniciativas de modernización de aeroxeradores e 69 de renovación tecnolóxica e ambiental de plantas hidroeléctricas de ata 50 MW, que se repartirían por case todo o territorio nacional.

Dotada con 512 millóns de euros de fondos NextGenEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), cunha ampliación orzamentaria do 75% para satisfacer a elevada demanda, esta segunda edición reforza a adecuación tecnolóxica impulsada pola primeira convocatoria, na que xa se adxudicaron 186 millóns. Deste xeito, garántese unha maior eficiencia enerxética cunha redución do número de aeroxeradores e con capacidade de operar en modo “grid forming”, tanto no parque eólico español como nun número significativo de centrais hidroeléctricas de pequeno tamaño.

Na listaxe publicada polo IDAE, xestor do programa REPOTEN 2, destaca a ampla distribución territorial dos proxectos, que se reparten por todas as comunidades autónomas agás Baleares. Destacan en particular os 35 expedientes de Galicia –25 en parques eólicos e 10 en centrais hidroeléctricas–, seguido dos 24 proxectos en Andalucía (18+6) e en Castela e León (8+16).

A maioría das actuacións seleccionadas nesta fase corresponden a repotenciacións eólicas –programa 1, con 462 millóns de dotación–, así como unha terceira parte dos proxectos de modernización hidroeléctrica –programa 2, con 50 millóns–, incorporan almacenamento hibridado.

En total suman 2 GWh de nova capacidade de almacenamento e unha potencia de xeración adicional de 3,3 GW, que mobilizarían no seu conxunto un investimento superior aos 3.700 millóns.

Dado o carácter provisional da proposta de resolución, tras o preceptivo período de alegacións, os expedientes que resulten beneficiarios poderían variar na resolución definitiva, así como os resultados agrupados.

A convocatoria desenvólvese en réxime de concorrencia competitiva, de maneira que, para a asignación de axudas aos expedientes, pondéranse criterios de: redución da axuda solicitada, viabilidade administrativa, grao de innovación no apoio ao sistema eléctrico, localización en zonas de Transición Xusta e Reto Demográfico, así como criterios de resiliencia que reverten no fortalecemento da cadea de valor nacional e europea.

As iniciativas que resulten beneficiarias deberán estar executadas antes do 30 de xuño de 2030, con posibilidade de ampliación ata o 31 de decembro de 2030, segundo o establecido na recente Orde ministerial do MITECO que adapta as bases reguladoras de varios programas de incentivos do PRTR de acordo cos criterios do esquema de axudas definido pola Comisión Europea.

NOVO PLAN RENOVE

O salto tecnolóxico que implica este novo plan RENOVE redundará nun maior aproveitamento do recurso renovable nos emprazamentos xa ocupados, ao substituír sistemas obsoletos ou antigos por novos equipos á vangarda tecnolóxica. Isto permitirá que os sistemas e equipos sexan máis produtivos e incorporen innovacións de mitigación de impactos ambientais; así mesmo, disporán dunha maior capacidade para dar servizos de axuste e soporte ao sistema eléctrico. Ademais, as instalacións repotenciadas consolidarán e xerarán actividade económica en zonas rurais.

No caso da tecnoloxía eólica, a repotenciación reduce tamén o impacto paisaxístico e a superficie ocupada, ao substituír un elevado número de aeroxeradores antigos e pequenos por menos equipos de maior tamaño. Nos proxectos subvencionados na primeira convocatoria, xa postos en marcha ou aínda en desenvolvemento, cada novo aeroxerador, de maior potencia e tamaño, substitúe aproximadamente a sete máquinas máis antigas.

Do mesmo xeito, a modernización de equipos e infraestruturas de xeración hidroeléctrica e a incorporación de sistemas de automatización impulsa a súa eficiencia enerxética e permite incorporar melloras de carácter ambiental. Entre outras, novos pasos piscícolas para facilitar a migración das especies acuáticas, asegurar caudais ecolóxicos mínimos e o fluxo de sedimentos, de integración territorial ou protección e restauración de hábitats específicos.

EN GALICIA

Entre os 25 parques eólicos que recibirán axudas figuran os da Pobra do Caramiñal, Coristanco, Mazaricos, Lousame, Cedeira, Porto do Son, Cariño, Cedeira e Carnota, na Coruña, e os de Antas de Ulla, Xermade, Guitiriz, Palas de Rei, Mondoñedo e Abadín, en Lugo.

En Ourense recibirá achega Cualedro e en Pontevedra Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

No capítulo de centrais hidroeléctricas, Ourense conta con subvencións nos concellos de Ribadavia, Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives; mentres que en Lugo están os de Ourol e Quiroga.

0.095046997070312