Gabriel Timiraos foi elixido novo presidente de Novas Xeracións de Viveiro

AMariñaXa
O novo responsable, filólogo de 26 anos, defende “un Viveiro que brille na Mariña con A Mariña”
NNXXViveiro-e-compañeiros-de-NNXX-participantes-no-congreso
23 Dec 2024

Novas Xeracións de Viveiro ten novo presidente, Gabriel Timiraos, elixido nun congreso local da formación político-xuvenil que contou coa participación da presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, o presidente de Novas Xeracións da provincia de Lugo, Miguel Gallego, a presidenta do PP local, Mariña Gueimunde, alcaldes da zona, deputados, senadores e máis compañeiros da formación popular.

O novo responsable de Novas Xeracións de Viveiro, filólogo de 26 anos, toma as rendas da agrupación local co obxectivo de “traballar duro para que Viveiro volva ser o que un día foi. Queremos volver a ter un Viveiro que brille na Mariña con A Mariña”.

Timiraos defende “a aposta do Partido Popular pola xente nova” e sinalou que “comezamos unha nova etapa cun proxecto renovado e próximo”, pois “temos que escoitar a opinión de todos porque só así podemos facer unhas Novas Xeracións de todos e para todos”.

A presidenta e portavoz municipal do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, amosouse “moi orgullosa deste grupo de rapaces e rapazas e senten a necesidade de proxectar a súa voz, defender os seus dereitos e loitar xuntos pola xuventude de Viveiro. Son un reflexo de que hai mozos e mozas preocupadas polo seu futuro e o da terra que os víu nacer, conscientes da desastrosa xestión do goberno do PSOE e do BNG. Somos moitos os que queremos espertar dun mal soño”.

COMITÉ DE DIRECCIÓN NNXX VIVEIRO

O comité de dirección que preside Gabriel Timiraos estará integrado por: Alejandro González (secretario xeral), Sofía García (secretaria de organización), Saray Ventura (coordinadora), Samuel Sánchez (vicesecretario de sanidade), Claudia Prieto (vicesecretaria de deportes), Jorge Gómez (vicesecretario de mar), Lucía Peña (vicesecretaria de redes e comunicación), Cristina García (vicesecretaria de Acción Política), Mikel Chao (vicesecretario de Políticas para a Xuventude) e Pablo Varela (vicesecretario de Acción Social).

 

0.1625509262085