Francisco Fernández Dávila gaña o Premio de Novela Vilar Ponte con 'Mario non existe'

AMariñaXa
'O diario do sangue', de Óscar Martínez Rey, foi escollida como finalista na oitava edición do certame convocado polo Concello de Viveiro
Viveiro--Xurado-Premio-Vilar-Ponte-de-Novela-2026
2 Nov 2026

A novela 'Mario non existe', de Francisco Fernández Dávila, fíxose co oitavo Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro. O xurado acordou por unanimidade concederlle o galardón, mentres que a obra 'O diario do sangue', de Óscar Martínez Rey, foi seleccionada como finalista.

O tribunal valorou da proposta gañadora a súa capacidade para levar o lector a escenarios afastados, tanto desde o punto de vista xeográfico como cultural. A historia traslada o protagonista desde Galicia ata Nepal nun percorrido que vai máis alá da viaxe física e que ten unha dimensión espiritual, ata provocar unha transformación profunda na súa maneira de entender o mundo e na súa propia identidade.

O xurado tamén destacou a riqueza simbólica da narración e a súa capacidade para abordar cuestións como o destino, o azar e a memoria. A obra, segundo a valoración dos seus integrantes, afonda igualmente nas relacións familiares, na amizade verdadeira, na exploración do descoñecido e no poder que poden ter tanto as palabras como os silencios.

Pola súa banda, 'O diario do sangue', de Óscar Martínez Rey, foi recoñecida como finalista pola súa trama de intriga e investigación policial, a través da cal constrúe un retrato da sociedade actual. O xurado salientou que a novela se achega ás súas contradicións e zonas máis escuras, abordando a violencia estrutural, a marxinación e as consecuencias que sofren quen non se axusta ás convencións sociais.

A fluidez da escrita e a axilidade dos diálogos foron outros dos aspectos destacados desta obra, que propón unha historia trepidante na que os acontecementos dan xiros constantes e nada resulta ser necesariamente o que parece.

O xurado desta oitava edición estivo integrado por Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador; Rosalía Morlán Vieites, escritora e enfermeira; e Armando Requeixo Cuba, investigador, profesor e crítico literario. M. Rosario San Isidro Franco, traballadora municipal, exerceu como secretaria, con voz pero sen voto, e encargouse de levantar acta da sesión.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, felicitou as persoas premiadas e agradeceu o traballo do tribunal, así como a participación de todos os autores e autoras que concorreron ao certame. A rexedora puxo en valor a importancia do premio como compromiso coa cultura e coa lingua galega e como ferramenta para situar Viveiro como referente da literatura contemporánea e atraer escritores de todo o país.

0.15320181846619