Foz únese ao Día do Orgullo LGTBIQA+ e reafirma o seu compromiso coa diversidade e a igualdade real

O Concello de Foz sumouse á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, reafirmando o seu compromiso coa diversidade e coa igualdade real, segundo destacou a concelleira de Igualdade, Ana Rojo.
O municipio vén desenvolvendo, como cada ano, unha programación simbólica e institucional coa que se busca visibilizar o apoio ao colectivo. Entre as principais accións figura a decoración do balcón da Casa do Concello e doutros edificios municipais coas bandeiras identitarias do colectivo LGTBIQA+, que permanecerán expostas ata o remate do mes de xuño.
Ademais, instalarase iluminación especial na fachada da Casa do Concello, que se iluminará con motivo desta celebración, que ten o seu día central o 28 de xuño.
Ana Rojo subliñou que o obxectivo do Concello é avanzar cara a un municipio libre de discriminacións por razón de xénero ou orientación sexual, no que teñan cabida todas as realidades e no que se contribúa a romper estereotipos culturais e sociais. Neste sentido, destacou tamén o labor de acompañamento municipal a través de servizos de asesoramento psicolóxico e social para persoas que sufran discriminación.
A edil fixo fincapé na importancia de que os espazos públicos sexan un reflexo de tolerancia, liberdade e respecto mutuo, como parte dun compromiso institucional sostido no tempo.
A área de Cultura tamén se suma á reivindicación dos dereitos do colectivo. Así, a Biblioteca Municipal de Foz pon en marcha unha mostra bibliográfica coa que se pretende achegar ao público obras centradas na diversidade, o respecto e a igualdade, nunha proposta que busca fomentar a reflexión a través da lectura.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Inés López, trátase de libros pensados para comprender, compartir e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva.
Dende o Goberno local, a Concellería de Igualdade reafirma o seu compromiso cos dereitos humanos, a igualdade e a visibilidade do colectivo LGTBIQA+, co obxectivo de consolidar Foz como un espazo seguro, respectuoso e libre de discriminación.
O Concello chama ademais á cidadanía á reflexión e ao compromiso colectivo, incidindo na importancia de educar en valores de inclusión e respecto, especialmente entre as xeracións máis novas, co fin de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.