Foz reúne ao socialismo lucense na Festa do Primeiro de Maio cun chamamento á unidade e á defensa dos dereitos laborais

Foz
AMariñaXa
Militantes e cargos do PSdeG reivindican o municipalismo e critican o transfuguismo nun encontro con máis de trinta anos de historia
socialistas-provincia-en-Foz-1-mayo-2026
2 May 2026

A localidade de Foz acolleu este venres a tradicional Festa dos Traballadores e Traballadoras, organizada pola Agrupación Socialista local con motivo do Primeiro de Maio. A cita, que suma máis de tres décadas de traxectoria, reuniu a militantes, simpatizantes e representantes institucionais do PSdeG tras a participación previa na mobilización polo Día Internacional do Traballo e nun acto de homenaxe á exalcaldesa Paula Alvarellos.

No encontro participaron, entre outros, a secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez; o senador César Mogo; o presidente da xestora provincial, Lucho Lago; e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, entre outros cargos e representantes socialistas da provincia.

Durante as intervencións, as e os asistentes coincidiron en vincular a defensa dos dereitos laborais coa protección da democracia municipal, advertindo do impacto do transfuguismo e do avance da ultradereita. Neste contexto, fixeron referencia á situación política no Concello de Lugo, que cualificaron como un “ataque á vontade cidadá”.

Lara Méndez destacou os avances acadados polos gobernos socialistas, facendo fincapé na mellora dos datos de emprego, na suba dos salarios e no reforzo das políticas sociais impulsadas polo Executivo de Pedro Sánchez. Pola súa banda, César Mogo incidiu na necesidade de recuperar a estabilidade institucional, mentres que Fran Cajoto puxo en valor o traballo municipal e reivindicou o Primeiro de Maio como unha data para consolidar dereitos.

A xornada concluíu cun chamamento á mobilización e á unidade do socialismo lucense para facer fronte aos retos políticos actuais.

0.12265205383301