Foz repartirá 3.000 lentes homologadas para seguir con seguridade a eclipse total de sol

Foz
AMariñaXa
O Concello distribuirá tamén material informativo e reforzará o dispositivo de seguridade para o histórico fenómeno astronómico do 12 de agosto
ALCALDE-DE-FOZ-E-O-PRESIDENTE-DA-ASOCIACIÓN-DEPORTIVA-SAN-XULIÁN-DE-NOIS,-BRAIS-OTERO
3 Aug 2026

O Concello de Foz iniciou unha campaña para facilitar á veciñanza o seguimento seguro da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto, un acontecemento astronómico excepcional que poderá contemplarse no municipio durante 1 minuto e 48 segundos. A iniciativa inclúe o reparto de 3.000 lentes homologadas e de dípticos informativos, unha actuación financiada con fondos municipais e coa colaboración da Deputación de Lugo.

Segundo explicou o alcalde, Fran Cajoto, as lentes distribuiranse tanto no núcleo urbano como nas distintas parroquias a través das asociacións veciñais. A Asociación Deportiva San Xulián de Nois foi a primeira en recibilas, mentres que o resto das entidades as irán recibindo nos próximos días. Ademais, este martes, 4 de agosto, habilitarase un punto de reparto na Praza Conde de Fontao, coincidindo coa celebración do mercado semanal. As unidades que non se entreguen permanecerán dispoñibles na Casa do Concello.

O rexedor lembrou a importancia de observar a eclipse empregando unicamente protección homologada para evitar lesións oculares e destacou que as ópticas locais tamén dispoñen deste tipo de lentes.

Con motivo da elevada afluencia de persoas que se espera para esa xornada, o Concello reforzará o servizo da Policía Local e manterá restrinxido o acceso aos xacementos arqueolóxicos da Frouseira e do Castro de Fazouro, tanto para garantir a súa conservación como por cuestións de seguridade.

Cajoto recomendou achegarse con antelación ao paseo marítimo comprendido entre A Rapadoira e A Pampillosa, que considera un dos mellores puntos do casco urbano para presenciar un fenómeno que cualificou de "único" e que apenas se repite unha vez cada século.

0.12015414237976