Foz reivindica a igualdade no 25N cunha campaña protagonizada polo alumnado

Foz
AMariñaXa
A programación desenvolverase do 23 ao 25 de novembro baixo o lema "Foz tece futuro, tece igualdade", cun cartel ilustrado por tres escolares do colexio O Pilar
caertel-25n-foz-2026
20 Nov 2026

O Concello de Foz, a través da Concellería de Muller e Igualdade, preparou unha programación especial para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro. As actividades desenvolveranse entre o luns 23 e o mércores 25 baixo o lema "Foz tece futuro, tece igualdade", cunha campaña que sitúa o talento e a participación da mocidade no centro da súa imaxe institucional.

O cartel oficial desta edición está ilustrado por tres alumnas do colexio O Pilar de Foz e nace dos traballos realizados polo alumnado dos centros educativos nos obradoiros municipais sobre igualdade. A concelleira responsable da área, Ana Rojo, destaca o valor simbólico da creación, que representa o equilibrio de dereitos entre mulleres e homes e reivindica a necesidade de avanzar cara a unha igualdade real.

A ilustración acompáñase dunha mensaxe escrita polas propias autoras: "Loitemos pola igualdade no mundo. Para que a miña filla poida vivir nun mundo cheo de igualdade cos mesmos dereitos e oportunidades que os homes". Segundo explica Rojo, a iniciativa permite que sexan os propios rapaces e rapazas quen poñan rostro e voz ás campañas institucionais, aproveitando as súas creacións en datas sinaladas como o 8M ou o 25N.

A concelleira considera que dar visibilidade a estes traballos supón recoñecer o compromiso do alumnado coa igualdade e incorporar unha perspectiva educativa e emocional á prevención da violencia de xénero desde idades temperás. Tamén subliña que a construción dun Foz libre de violencias machistas require a implicación de toda a sociedade, tanto para apoiar as vítimas como para expresar un rexeitamento firme ante estas agresións.

A programación municipal comezará o luns 23 de novembro coa iluminación violeta da fachada da Casa Consistorial e a colocación dun lazo da mesma cor, que permanecerá durante toda a semana como símbolo de solidariedade coas vítimas e de condena da violencia machista.

O martes 24, o alumnado de primeiro da ESO do IES de Foz participará no obradoiro "Hai saída grazas a ti", centrado na identificación de condutas de control e na promoción de relacións baseadas no respecto e na igualdade. A actividade abordará a violencia de xénero a través de contidos adaptados á realidade dos adolescentes de entre 12 e 13 anos e contará coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Ese mesmo día, ás 18.00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá unha proposta de reflexión a través do humor. Da man de Caxoto, o público poderá identificar e cuestionar determinados comportamentos machistas que están tan integrados na vida cotiá que, en ocasións, pasan desapercibidos. O espectáculo pretende combinar entretemento e reflexión arredor dos micromachismos presentes no día a día.

O mércores 25 de novembro celebrarase o acto central da conmemoración. A concentración terá lugar ás 18.00 horas na praza Conde Fontao e incluirá a lectura do manifesto institucional e un minuto de silencio en lembranza das vítimas da violencia machista e vicaria.

A Concellería de Muller e Igualdade decidiu trasladar esta convocatoria a un espazo aberto para facer visible o rexeitamento colectivo da veciñanza de Foz ante esta lacra social. O cambio de localización débese tamén ás obras de mellora que se están executando diante da Casa Consistorial, co obxectivo de garantir a seguridade e a comodidade das persoas asistentes. Se chove, o acto trasladarase ao lateral do edificio de Servizos Sociais, debaixo do Bar Náutico, nas proximidades da praza.

0.15086603164673