Foz reforza a súa aposta pola cultura cun amplo programa arredor do Día do Libro

Foz
AMariñaXa
O Concello impulsa actividades para todos os públicos e reivindica o acceso universal á cultura desde o ámbito público
actividades-dia-do-libro-foz-2026
24 Apr 2026

O Concello de Foz continúa a consolidar a súa liña de investimento na cultura municipal cun programa diverso de actividades que se desenvolven arredor da celebración do 23 de abril, Día do Libro. A programación, que xa botou a andar esta semana, prolongarase durante os próximos días co obxectivo de seguir fomentando o acceso á cultura entre a veciñanza, segundo destacou a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

Un dos actos centrais tivo lugar este mércores na biblioteca municipal, onde se representou a obra Agasallo das árbores, da man de Cris de Caldas. A actividade congregou a un numeroso público infantil, enchendo o salón de actos con nenos e nenas que asistiron a unha proposta baseada na narración de contos con mensaxes centradas na igualdade e no respecto polo medio ambiente. López Couto puxo en valor a boa acollida da iniciativa e subliñou que “apostamos por unha cultura aberta e accesible, que chegue a todos os sectores da poboación e que complemente a intensa actividade cultural que xa existe en Foz”.

No marco desta programación, a biblioteca municipal tamén está a desenvolver visitas escolares co fin de achegar este espazo aos máis pequenos. A edil agradeceu a implicación dos centros educativos, que amosan interese por introducir ao alumnado no uso e nas posibilidades que ofrece este servizo público. Nesta liña, alumnado do Colexio do Pilar participou recentemente nunha sesión de lectura na biblioteca Salgado Toimil, unha experiencia que, segundo indicou, foi moi ben recibida polos nenos, que ademais tiveron a oportunidade de colaborar coa radio municipal durante a visita.

A actividade cultural continuará nos vindeiros días con novas propostas. Entre elas, destaca a presentación do libro A faba e nós, do autor Alberto Serantes, unha iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa UNED e que contará cunha difusión máis ampla a través das plataformas dixitais desta institución académica. Así mesmo, a próxima semana incluirá unha nova cita teatral coa adaptación dun clásico da literatura hispánica, Lázaro de Tormes, que chegará a Foz da man da compañía malagueña Pata Teatro. A representación contará cun pase escolar pola mañá e abrirase tamén ao público xeral nunha función programada para as 20.30 horas na Sala Bahía.

Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, incidiu na relevancia da cultura como un elemento fundamental para o desenvolvemento social. O rexedor subliñou que o acceso á cultura debe ser unha prioridade das administracións públicas e asegurou que o goberno local manterá o seu compromiso neste ámbito, impulsando iniciativas que permitan á cidadanía participar de maneira sinxela e directa na vida cultural do municipio.

0.13377285003662