Foz reforza a colaboración co Goberno do Estado para impulsar infraestruturas e proxectos estratéxicos

Foz
AMariñaXa
O alcalde mantén unha reunión de traballo con responsables estatais para abordar comunicacións, mobilidade, litoral e vivenda
FOZ-REUNIoN-NO-CONCELLO-DE-FOZ-CO-DELEGADO-DO-GOBERNO-EN-GALICIA-2026
10 Jan 2026

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este xoves unha reunión de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, nun encontro no que tamén participaron varios concelleiros do goberno municipal. A xuntanza serviu para analizar distintas actuacións en marcha e novas liñas de colaboración en ámbitos clave para o desenvolvemento do municipio.

“Comezamos o 2026 como rematamos o 2025, traballando”, sinalou Cajoto ao remate da reunión, na que destacou o clima de entendemento e a receptividade amosada polos representantes do Goberno central. O rexedor agradeceu “a empatía cos proxectos que ten Foz en marcha” e puxo en valor o interese por impulsar un concello que, segundo indicou, “medra de forma sostida tanto en poboación como en actividade económica”.

No ámbito das estradas do Estado, abordouse a situación das rotondas de Cangas, xa contratadas e pendentes de execución, así como a mellora da intersección coa LU-152, publicada no BOE no ano 2024, e o novo acceso a Foz Centro desde a variante. Tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de avanzar na construción da autovía A-74 como infraestrutura fundamental para vertebrar a comarca da Mariña.

En relación con ADIF, analizouse o contrato de 1,34 millóns de euros para o proxecto e as obras de sostemento da vía férrea na praia de Arealonga, en Fazouro, adxudicado recentemente. Ademais, volveuse tratar a posibilidade de construír un paso peonil que dea servizo á estación de tren de Foz, así como a implantación de novos usos e melloras nas estacións do municipio.

Outro dos bloques centrais da reunión foi o relativo aos proxectos da Dirección Xeral da Costa e o Mar. Entre eles, comentouse a publicación no BOE das fases 1 e 2 do retranqueo dos paseos de Cangas, na cala de San Pedro, e de Arealonga, en Fazouro. O Concello insistiu tamén na importancia de impulsar actuacións como a creación dunha área recreativa na Areoura, a conexión coa zona dos Castros en Cangas ou a execución da segunda fase do carril bici en Llas. A maiores, tratáronse os trámites para a reversión dos terreos portuarios en desuso de Foz, considerados estratéxicos para o futuro do municipio.

No apartado de vivenda, Fran Cajoto trasladou aos representantes estatais a súa preocupación pola falta de promoción de vivenda pública por parte da Xunta de Galicia. O alcalde cualificou de “decepcionante” a resposta da conselleira de Vivenda, que rexeitou comprometerse con actuacións neste eido malia tratarse dunha competencia autonómica. Fronte a esta situación, o rexedor amosou interese na nova Entidade Estatal de Vivenda e Solo, CASA47, impulsada polo Goberno central, que pretende crear un parque público de aluguer a prezos asumibles e con vocación de permanencia. “Imos traballar tamén nesta vía”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.074176788330078