Foz reabre a piscina municipal tralo remate das obras no lucernario

O Concello de Foz comunicou que a piscina municipal volverá abrir as súas portas este mércores 10 de decembro, unha vez concluídos os traballos de substitución do lucernario, unha intervención necesaria para garantir a seguridade e mellorar a iluminación natural das instalacións. Coa reapertura retomaranse tamén, no horario habitual, os cursos de natación para nenas, nenos e persoas adultas, así como as sesións de aquagym.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou que o goberno local aplicará medidas compensatorias ás persoas usuarias polos días nos que non se puido facer uso da piscina. Segundo explicou, non se cobrará a cota correspondente aos cursos de natación do mes de decembro, como compensación polos días facturados no mes de outubro. Ademais, os bonos de baño ampliaranse automaticamente, prorrogando a súa data de caducidade para non prexudicar aos seus titulares.
No caso das persoas menores de 16 anos abonadas, Cajoto indicou que tampouco deberán aboar a cota de decembro, seguindo o mesmo criterio de compensación. Para resolver calquera dúbida ou recibir máis información, as persoas usuarias poden contactar co concesionario no teléfono 982 13 28 31.
A actuación de substitución do lucernario contou cun orzamento de 85.910 euros, financiados nun 95 % pola área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e nun 5 % polo Concello de Foz. A intervención permitiu renovar por completo esta estrutura, mellorando o confort térmico e a seguridade das instalacións municipais.