Foz presenta un San Lourenzo con cinco días de festa, música e actividades para todas as idades

O Concello de Foz xa deu a coñecer o cartel e a programación das festas de San Lourenzo, que se desenvolverán entre o 7 e o 11 de agosto cun amplo calendario de actividades pensado para todos os públicos. A música en directo, as tradicionais verbenas, os actos relixiosos e as propostas dirixidas á mocidade volverán converter a vila nun dos principais puntos de encontro do verán mariñán.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que agosto chega cargado de iniciativas culturais, deportivas e de ocio, cun programa que dará comezo xa o xoves 6 de agosto. Esa primeira xornada estará marcada pola actuación do grupo Mar Aberto, que ofrecerá un concerto na Praza Rosalía de Castro ás nove da noite como antesala das celebracións.
O inicio oficial das festas terá lugar o venres 7 coa lectura do pregón, que nesta edición correrá a cargo de José Manuel Romero Moreno, Conde de Fontao e veciño de Foz. O acto celebrarase ás 20.30 horas na Praza Rosalía de Castro, no Campo da Cabana, e estará seguido pola actuación do grupo Pantera Rosa.
A programación continuará o sábado 8 cunha sesión vermú na explanada do peirao amenizada por Eric Hidalgo Prime. Pola noite, o mesmo grupo compartirá escenario coa orquestra Miramar nunha verbena que dará continuidade ao ambiente festivo.
O domingo 9 será a quenda da orquestra Magos, protagonista tanto da sesión vermú como da verbena nocturna, na que tamén actuará a orquestra Finisterre.
O luns 10 celebrarase a xornada central das festas, coincidindo coa festividade de San Lourenzo. A igrexa parroquial acollerá a misa solemne ao mediodía, seguida da tradicional procesión acompañada polo grupo O Feitizo. A música continuará coa sesión vermú da orquestra Platinum e, xa pola noite, Platinum e América de Vigo serán as encargadas da verbena. Á medianoite terá lugar o habitual espectáculo de fogos artificiais, tras o que continuará a festa.
O peche das celebracións chegará o martes 11 coa actuación do grupo Nostalgia na Praza Conde de Fontao, poñendo o broche final a cinco días de intensa actividade.
Paralelamente ás festas, o Concello organizará unha nova edición das Noites Alternativas, unha proposta dirixida á mocidade que se celebrará os días 3, 4 e 5 de agosto no Campo da Cabana. As sesións, baseadas na actividade Wipe Out, desenvolveranse a partir das 22.00 horas e requirirán inscrición previa a través da páxina web municipal.
Pola súa banda, o alcalde, Fran Cajoto, puxo en valor a figura do pregoeiro deste ano, ao que definiu como unha persoa moi vencellada á vida social e cultural do municipio e sempre disposta a colaborar coas iniciativas locais. Ademais, sinalou que o cartel desta edición pretende reflectir a esencia de Foz e avanzou que nos próximos días se darán a coñecer novas actividades que completarán a programación festiva.