Foz organiza cursos para adultos na vila e no resto de parroquias

Foz
AMariñaXa
A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Foz organizou diversos cursos para adultos na vila e no resto de parroquias do municipio.
CURSO DE MEMORIA EN FOZ (2)
CURSO DE MEMORIA EN FOZ (2)
2 feb 2023

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Foz organizou diversos cursos para adultos na vila e no resto de parroquias do municipio.

A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que “este ano comezamos sen tantas restricións, volvendo á normalidade en interiores, podendo xuntarnos sen separacións e sen mascarillas, aínda que sendo responsables e no caso de un proceso  catarral ou sospeita de afeccións víricas, recoméndase que se coloque a mascarilla para evitar contaxios innecesarios. Había gañas de empezar e de volver reunirse de forma grupal para ocupar estas horas de lecer e esparexemento, onde ademais de aprender se socializa, favorecendo vínculos afectivos e compartindo momentos entre os veciños e veciñas”.

Ana Rojo engade que “despois de reunións e consultas sobre as preferencias dos veciños e veciñas de cada parroquia, a programación fíxose en base ás súas demandas. Este ano ademais dos cursos de cociña, bolillos, memoria, novas tecnoloxías aplicadas ós móbiles e ximnasia de mantemento, incorporamos un taller de elaboración de xabóns ecolóxicos con fragrancias e 100% biodegradables, xabón para lavar á roupa en pastilla, para a lavadora sólido e líquido, suavizante e produtos de limpeza de sanitarios, incidindo na reciclaxe do aceite doméstico de frituras, previndo e reducindo a contaminación das augas, ademais de ser respectuosos co medio ambiente. Os cursos danse en función das preferencias veciñais, por este motivo hai parroquias onde se dan distintos talleres, incluído o casco urbano, onde están a desenvolverse ata cinco cursos distintos. A duración varía duns a outros, así como os horarios: o taller de xabóns ten unha duración de tres meses; novas tecnoloxías, de dous meses; e o resto de cursos rematarán en cinco meses. Incidimos bastante nos talleres para favorecer e estimular a memoria, nas novas tecnoloxías aplicadas ós móbiles para tratar de acurtar esa fenda dixital tan notable a certas idades. Este ano impártense tamén varios talleres de cociña, con gran incidencia masculina de distintas idades; cada vez máis os homes danse conta de que deben e poden acceder a este tipo de talleres e así colaborar nas tarefas culinarias, buscando a súa autonomía e fomentando a igualdade nos fogares”.

A concelleira de Servizos Sociais indica tamén que “todos os talleres que se dan nas parroquias impártense nos centros cívicos e antigas escolas, mentres que no casco urbano fanse na cuarta planta do centro social (xabóns e cociña ) e na Casa de Cultura (móbiles, memoria e bolillos). Os custes dos cursos son como en anos anteriores, dependendo do taller é de 10 ou 15 euros pois o resto do custe da actividade é subvencionado polo Concello de Foz. A pretensión do Concello para cos nosos veciños e veciñas é que aprendan pero tamén que fortalezan vínculos, compartindo actividades, experiencias e sobre todo sorrisos. Agradecemos a colaboración e boa sintonía veciñal e desexamos que todos os cursos sexan do seu agrado”.