Foz ofrecerá a renovación do DNI e pasaporte sen necesidade de desprazarse a Viveiro

Foz
AMariñaXa
O vehículo móbil da Policía Nacional estará diante do CENIMA o 23 de setembro e o 28 de outubro
dni
Traballos arqueolóxicos en San Vicente de Trigás
9 Sep 2025

A Policía Nacional, en coordinación co Concello de Foz, activará un novo servizo que permitirá ás veciñas e veciños renovar o DNI e o pasaporte sen ter que viaxar ata Viveiro. O Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) estacionará no Paseo da Ribeira, diante do CENIMA, o martes 23 de setembro, e xa se poden reservar as primeiras citas.

As solicitudes deben facerse a través da páxina web municipal https://concellodefoz.gal/cita-dni/
, no teléfono 982.14.00.27 (de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas) ou de maneira presencial no Rexistro do Concello. Na web municipal tamén se recolle a documentación necesaria para a tramitación. O aboamento das taxas realizarase directamente no vehículo VIDOC no momento da renovación: 12 euros para o DNI e 30 euros no caso do pasaporte, en efectivo e coa contía exacta.

O alcalde, Fran Cajoto, subliñou que “desde o pasado mes de xuño podemos renovar as claves e os certificados do DNI na máquina PAD situada na casa consistorial. Agora damos un paso máis, porque será posible renovar tamén o documento físico sen desprazarse a Viveiro”.

Cajoto explicou que o vehículo acudirá a Foz unha vez ao mes e expedirá arredor de 30 documentos en cada visita. As primeiras datas xa confirmadas son o 23 de setembro e o 28 de outubro. O rexedor agradeceu ao comisario provincial, Luis Romera, e á subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, “a súa implicación para que este servizo, que achega a administración á cidadanía e lle facilita a vida, sexa unha realidade en Foz”.

⚙ Configurar cookies
0.15779995918274