Foz ofrécelle á Mariña unha fin de semana cargada de cultura e espectáculos

Foz
AMariñaXa
Charlas históricas, teatro afeccionado e un innovador espectáculo de circo marcarán a axenda cultural desta fin de semana no municipio
Imaxe da axenda cultural de Foz fin de semana
13 sep 2024

O Concello de Foz prepara unha intensa axenda cultural para esta fin de semana, que inclúe teatro, conferencias e espectáculos de circo. Esta programación é parte da aposta do concello por dinamizar a oferta cultural local e achegar diferentes propostas á veciñanza e aos visitantes.

Este venres 13 de setembro, ás 19.00 horas, no Museo da Basílica de San Martiño, arrancarán as charlas do ciclo "San Martiño no Camiño". Carlos Andrés González Paz, destacado historiador medieval e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, será o encargado de abrir estas sesións cunha ponencia titulada "De Dumio a San Martiño de Mondoñedo: a Eccllesia Dumiensis na historia eclesiástica da Galicia Medieval". O ciclo continuará o venres 20 de setembro coa intervención do recoñecido investigador Antonio Reigosa Carreiras, que falará sobre "As lendas da Mariña".

O sábado 14 de setembro, ás 19.00 horas, a Casa da Cultura acollerá unha nova representación do Fegateatro. Nesta ocasión, Andaravía Teatro traerá a escena a comedia musical "Xacovedra", cun prezo de entrada de 3 euros.

Finalmente, o domingo 15 de setembro, pechando esta fin de semana cultural, Foz recibirá o ciclo Galicia Escena Norte co espectáculo de circo contemporáneo "By ò Bu. Aproximación al no existir". O evento terá lugar na Praza Conde de Fontao ás 21.00 horas, aínda que en caso de condicións meteorolóxicas adversas trasladarase á Sala Bahía.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que “nos vindeiros meses cada fin de semana en Foz contará con novas propostas culturais, e esperamos que todos as desfruten ao máximo”.

0.094763040542603