Foz modifica o sentido do tráfico na rúa Manuel Murguía para mellorar a mobilidade

Foz
AMariñaXa
O Concello atende unha petición da veciñanza e reorganiza a circulación para facilitar o acceso ao porto e ás vivendas da zona
NOVO-SENTIDO-DO-TRaFICO-NA-RuA-MANUEL-MURGUÍiA,-DE-FOZ-(3)
12 Mar 2026

O Concello de Foz levou a cabo unha modificación na circulación da rúa Manuel Murguía co obxectivo de facer máis áxil e cómoda a mobilidade nesta zona da vila. A medida consiste no cambio do sentido do tráfico nesta rúa, unha actuación que responde ás peticións formuladas por veciños e veciñas que utilizan habitualmente esta vía para acceder ás súas vivendas ou ao porto pesqueiro.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explicou que esta decisión forma parte das actuacións que o goberno municipal está a desenvolver para mellorar a circulación no municipio. Segundo indicou, a reorganización da rúa Manuel Murguía busca facilitar especialmente o acceso ás persoas que dispoñen de garaxes fronte ao Porto Chico ou que utilizan as dársenas da zona para as súas embarcacións.

“Continuamos traballando para mellorar a mobilidade de Foz. Neste caso, atendendo a unha petición das veciñas e veciños, especialmente daqueles que teñen os seus garaxes fronte ao Porto Chico ou que empregan esas dársenas para as súas embarcacións, decidimos modificar o sentido do tráfico na rúa Manuel Murguía para que poidan acceder dunha forma moito máis cómoda ao porto pesqueiro de Foz”, explicou o rexedor.

Cajoto subliñou tamén que esta reorganización non só beneficia ás persoas que utilizan o porto, senón tamén ao resto da veciñanza da contorna. En particular, destacou que o cambio mellora a accesibilidade para quen reside na rúa Trapero Pardo, xa que a nova configuración da circulación permite que a mazá funcione de maneira similar a unha pequena rotonda.

“Esta reorganización permite máis posibilidades de xiro e facilita o acceso ás vivendas desde o vehículo privado, o que supón unha mellora para a mobilidade na zona”, sinalou.

O alcalde indicou ademais que o Concello continúa desenvolvendo outras medidas destinadas a facer máis segura e cómoda a circulación en Foz. Entre elas atópanse a creación de novas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida e a limitación de aparcadoiros en determinadas interseccións para mellorar a visibilidade e reducir posibles riscos.

“Seguimos traballando para mellorar a mobilidade no municipio, delimitando novas prazas de minusválidos e restrinxindo estacionamentos en puntos onde dificultan a visibilidade. O obxectivo é que desprazarse por Foz, tanto a pé como en vehículo, sexa cada vez máis sinxelo e seguro”, concluíu o rexedor municipal.

0.12166404724121