Foz investirá 250.000 euros na renovación das fachadas do Concello e do CENIMA

Foz renovará o exterior da Casa do Concello e do Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) grazas a un convenio de colaboración de 250.000 euros asinado pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde focense, Francisco Cajoto. A actuación inclúe tamén a reposición de varios elementos do mobiliario urbano e a instalación de novos recursos informativos.
No edificio consistorial, os traballos centraranse na reparación das humidades procedentes do tellado, no acondicionamento e pintado das paredes exteriores e na renovación da carpintería de madeira. No CENIMA, pola súa banda, limparanse e pintaranse as fachadas e substituirase a carpintería exterior da planta baixa, deteriorada pola acción do salitre.
O proxecto abrangue ademais a instalación dunha marquesiña de autobús, a renovación de catro bancos e a colocación de catro paneis informativos dixitais, co obxectivo de mellorar tanto o estado dos espazos públicos como os servizos que se ofrecen á veciñanza e ás persoas visitantes.
O CENIMA alberga a oficina de turismo e outros servizos de información e divulgación sobre A Mariña, polo que constitúe un dos puntos de referencia para quen se achega ao municipio.
A intervención cobra especial relevancia nun concello que supera os 10.300 habitantes e que experimenta un importante incremento da poboación durante a tempada estival. O mantemento dos edificios municipais e a renovación dos elementos urbanos buscan responder ás necesidades dunha localidade que recibe cada ano un elevado número de visitantes.