Foz habilitará un Punto Violeta e un Punto LGTBIQA+ durante as festas patronais da Virxe do Carme

Foz
AMariñaXa
Os espazos funcionarán nos días principais das celebracións en horario nocturno e incorporarán como novidade pulseiras Centinela para detectar substancias estupefacientes
Festas-do-Carmen-Foz-2019
14 Jul 2026

A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Foz habilitará de maneira conxunta un Punto Violeta e un Punto LGTBIQA+ durante as festas patronais na honra á Virxe do Carme co obxectivo de promover un ocio nocturno seguro, respectuoso e libre de agresións.

A concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, explica que “a novidade deste ano é a implantación de maneira conxunta dun Punto Violeta e dun Punto LGTBIQA+, deseñados a modo de información, de prevención, para garantir un ocio nocturno de disfrute e de respecto nos diversos eventos das festas patronais, buscando que sexan espazos seguros, tolerantes e libres de agresións machistas.

O obxectivo principal da campaña é a sensibilización de toda a cidadanía, ademais de promover unhas festas patronais seguras e inclusivas, a iniciativa busca disuadir condutas inapropiadas, baixo o principio da igualdade, do respecto mutuo e da diversidade afectivo-sexual, previndo condutas LGTBIfóbicas, en resposta a mensaxes de odio ou de discriminación cara ao colectivo. Estes espazos configuraranse como puntos de prevención, sensibilización e atención a calquera persoa que necesite recibir orientación e apoio ante situacións de acoso, de agresión sexual, comportamentos tránsfobos ou homófobos ou ante calquera conduta que vulnere a súa liberdade”.

Como novidade nesta edición, o Punto Violeta incorporará, ademais das habituais guías, folletos de material preventivo e recursos de autoprotección fronte ás agresións sexuais, as chamadas pulseiras Centinela. “Ademais de repartir guías e folletos de material preventivo e de recursos de autoprotección contra as agresións sexuais, contará coas pulseiras Centinela, dispositivos que son capaces de detectar en poucos segundos máis de 22 sustancias estupefacientes: ketaminas, ghb, escopolaminas, etcétera”, destaca Ana Rojo. Desta forma, explica, “con un simple test a pulseira cambia de cor na tonalidade especifica da sustancia detectada, ofrecendo de forma automatizada a geolocalización de todos os servizos sanitarios e de emerxencias máis pretos o lugar onde se atope a vítima, converténdose nun complemento disuasorio a posibles agresores”.

Os dous puntos estarán atendidos por persoal cualificado, integrado por unha psicóloga, unha integradora social e unha técnica en igualdade, durante os días principais das festas patronais. O servizo prestarase en horario de 23.00 a 4.00 horas e manterá a mesma localización de anos anteriores, debaixo da terraza do bar Náutico e do edificio de Servizos Sociais, ao carón do parque Conde de Fontao.

Con esta iniciativa, o Concello “reafirma o seu compromiso por unhas festas libres de agresións sexistas e LGTBIfóbicas, lembrando que calquera persoa que necesite información, apoio ou acompañamento poderá dirixirse ao Punto Violeta ou Punto LGTBI”, asegura Ana Rojo, que destaca a importancia desta campaña “reforzando o compromiso municipal coa loita contra a violencia machista e a LGTBIfobia nas rúas, garantindo con corresponsabilidade unhas festas patronais de desfrute nun contorno seguro e amable. Boas Festas!”.

0.13608694076538