Foz enche de teatro e cine as fins de semana do outono

O Concello de Foz preparou para este outono unha programación cultural que se estenderá durante todas as fins de semana dos meses de outubro e novembro, cunha aposta especial polo teatro e o cine e con propostas dirixidas a públicos de diferentes idades.
A programación dá continuidade á actividade cultural desenvolvida durante o verán, trasladando agora as propostas aos espazos interiores. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que "a finalización do verán non foi un punto e a parte para a nosa programación, foi un punto e seguido". Segundo sinala, o cambio de escenario mantivo a resposta do público, especialmente ante o programa de teatro afeccionado impulsado por Pico do Castro e Fegatea e o novo ciclo "Domingos de cine en Foz", organizado polo Concello coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Academia Galega do Audiovisual.
O mes de outubro comezou coa representación de "Reconversión", de Ibuprofeno Teatro, e a programación continúa esta semana con novas propostas. Este venres 9, ás 20.30 horas, a Sala Bahía acollerá "As Gardiás", de Teatro de Ningures. Para o público infantil, o domingo 11, ás 12.00 horas e tamén no Bahía, será a quenda de "A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza". Ese mesmo día, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acollerá a proxección da película "As liñas discontinuas".
A programación prevista para os próximos meses inclúe tamén a nova produción de "Memorias dun neno labrego", unha proposta de danza da compañía lucense Colectivo Glovo e "A velada de Londres", unha obra realizada como homenaxe e lembranza de Manuel Lourenzo.
Desde o Concello destacan que o programa pretende ofrecer alternativas culturais de maneira continuada durante todo o outono, evitando que os veciños teñan que desprazarse a outras cidades para acceder a este tipo de actividades. "É unha programación para todos os gustos e idades, pensada para que os veciños teñan actividades de ocio todas as semanas sen necesidade de acudir a unha gran cidade", afirma Inés López Couto.
Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, anima á veciñanza a participar nas distintas propostas. "Agardamos que todo o mundo poda atopar actividades do seu agrado no outono cultural de Foz. Con cultura de proximidade e tamén de fóra de Galicia, para todos", sinala.
A programación completa pode consultarse na páxina web do Concello de Foz e nas súas redes sociais.