Foz e Burela acollen o V Torneo Minibasket M&W esta fin de semana

Foz e Burela serán os escenarios desta fin de semana do V Torneo Minibasket M&W, unha cita deportiva organizada pola Asociación Deportiva Drocer e o CB Celtas de Foz, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento, que se disputa desde hoxe ata o domingo, reunirá a 230 xogadoras e xogadores de baloncesto de entre 8 e 12 anos, nunha festa do deporte base que conta co apoio das institucións locais e provinciais.
Os partidos disputarase en dúas localidades: Foz acollerá as categorías premini e mini, mentres que Burela será o escenario dos encontros da categoría infantil.
A competición contará coa participación de equipos do Celtas de Foz, que presentarán tres equipos como anfitrións, así como do CB Burela. Ademais, equipos de diferentes puntos de Galicia e máis aló, como Ensino (Lugo), Sanxillao (Lugo), Franciscanos (Lugo), Bezana (Cantabria), Gremlins (Pontevedra) e Depordima (Ourense), tamén estarán presentes no torneo.
O evento agárdase como un importante atractivo para a zona, pois, ao tratarse dunha cita que abarca varias categorías e coas idades dos participantes, prevese que o torneo atraia un numeroso público á Mariña Lucense durante estes días.
Durante a presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, xunto co deputado de Mocidade, Daniel García, mantiveron un encontro cos organizadores do evento.
Nesta reunión, destacaron o interese dos clubs por participar en torneos coma este, que ofrecen aos mozos xogadores a oportunidade de gozar do baloncesto nun contexto diferente ao das competicións habituais, ao tempo que comparten experiencias coas categorías de outros territorios.
Ademais do apoio institucional, a organización do evento conta coa colaboración de diversas entidades e empresas, como o colexio Martínez Otero, o Colexio O Pilar e as firmas comerciais Cafés Candelas, Jim Sports, Mombús e Apartagal.