Foz destina case 400.000 euros á renovación de camiños en todas as parroquias

O Concello de Foz vén de concretar un investimento próximo aos 400.000 euros para mellorar a rede de camiños municipais en todas as parroquias. As actuacións executaranse con cargo ao Plan Deputación 2026 e ao Plan Camiña Rural 2026-2027, combinando achegas da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, do propio Concello e financiamento procedente da Unión Europea.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou que máis de 3.600 veciños residen nas parroquias focenses, nun termo municipal que supera os 100 quilómetros cadrados, polo que considera prioritario garantir boas condicións de circulación nos viarios que se empregan a diario.
En Cangas actuarase en varios tramos con aglomerado en quente, mentres que en Vilaronte se mellorarán camiños en Mañente, Xinzo e na contorna da Cerdeiriña, Vigo e Pereiros. En San Martiño renovaranse distintos accesos en Mourente, Ferreiravella, Caritel, Vilacendoi e Forxán.
Tamén haberá intervencións en Santo Acisclo, Santa Cilla, Vilatuixe e Fazouro; en Nois, Cordido e no núcleo urbano de Foz, con melloras en Mansín, Vilaxoane e Marzán. O rexedor subliñou que, malia a importancia do investimento, seguirán impulsando novas actuacións para dar resposta aos camiños pendentes noutras zonas do concello.