Foz converterá as súas rúas nun escape room para descubrir a historia e a arte urbana da vila

As rúas de Foz converteranse nun gran escenario de enigmas e desafíos coa chegada do proxecto Xogal, unha proposta de escape room ao aire libre que se celebrará o sábado 19 de setembro a partir das 11.00 horas.
A iniciativa permitirá percorrer diferentes puntos da vila dunha maneira diferente, combinando o xogo co coñecemento da historia, a cultura e a arte urbana local. O punto de partida estará situado no mural "Rente ao Mar", no Porto de Foz, desde onde os equipos iniciarán unha aventura na que deberán prestar atención aos elementos que atoparán ao seu paso.
As paredes, os murais e outros espazos da vila funcionarán como pistas para avanzar polo percorrido. A través deles, os participantes poderán achegarse á relación histórica de Foz co mar, á súa memoria cultural e a diferentes personaxes e relatos vinculados ao municipio, entre eles o do Conde de Fontao.
Para completar a experiencia será necesario superar diferentes preguntas, acertixos e probas. Os resultados permitirán establecer unha clasificación entre os equipos participantes e haberá un premio para o grupo que consiga a mellor puntuación.
Ademais da competición, Xogal incluirá un sorteo final entre as persoas que participen na actividade.
A proposta está aberta á participación de maneira gratuíta, aínda que é necesario realizar previamente a inscrición a través da plataforma Escapeo. A cita busca así ofrecer unha forma lúdica e participativa de percorrer Foz e descubrir algúns dos elementos que forman parte da súa identidade e da súa historia.