Foz celebra a VII edición de "O Noso Samaín" cunha tarde infantil e unha noite de terror

A Sala Bahía de Foz será o escenario o próximo 31 de outubro da VII edición de "O Noso Samaín", unha xornada que combinará actividades infantís pola tarde cunha proposta de terror pola noite.
A programación comezará ás 16.00 horas coa Festa Infantil, que se prolongará ata as 20.00 horas. Durante estas catro horas haberá diferentes propostas de entretemento para os máis pequenos, entre elas pintacaras, xogos populares, animación musical, colchonetas, globoflexia, un scape room e contacontos a cargo de "Pajarito".
A entrada terá un prezo de 6 euros para os nenos e nenas e de 3 euros para os adultos. A programación infantil completarase coa celebración dun concurso de cabazas, para o que a organización anima os participantes a levar a súa propia. Durante a tarde tamén haberá venda de gofres.
A celebración continuará pola noite cunha proposta especialmente pensada para os amantes do terror. A partir das 23.00 horas dará comezo a "Noite Tenebrosa", unha actividade que pechará esta xornada dedicada ao Samaín.
A organización, a comparsa Ruxe Ruxe, anima á veciñanza a participar nesta nova edición de "O Noso Samaín", que propón unha programación para diferentes idades e combina diversión, tradición e ambientación propia desta celebración.
A iniciativa conta coa colaboración da Área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e está financiada dentro do programa "Móvete Xuvenil".