Foz avanza na mellora de camiños rurais con novas actuacións en Malates e Folgueiras

O Concello de Foz continúa reforzando a súa rede viaria no ámbito rural coa recente mellora do firme nos camiños de Malates e Folgueiras, unhas actuacións que supuxeron un investimento de 18.275 euros e que se enmarcan no Plan Camiña Rural 2025-2026. Este programa conta cun orzamento global de 75.967,43 euros, financiado de maneira conxunta por distintas administracións, entre elas a Unión Europea, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura e o propio Concello.
O alcalde, Fran Cajoto, visitou a zona acompañado da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e aproveitou para subliñar a importancia destas intervencións para mellorar a mobilidade e as condicións de acceso nas parroquias. Segundo explicou, a través deste mesmo plan xa se executaron outras actuacións a finais de 2025, como o acondicionamento dos camiños de Outeiro e Abidueiras, en Santo Acisclo, así como o aglomerado dun viario no Chao, en Santa Cilla.
Ademais, o rexedor anunciou que está previsto que nos vindeiros días se leve a cabo unha nova actuación en Fazouro, concretamente no camiño de Casas Novas, cun investimento próximo aos 12.800 euros.
No que respecta a futuras intervencións, o Concello agarda pola tramitación de novos programas como o Plan Deputación 2026 e o Plan Camiña Rural 2026-2027, que permitirán mobilizar preto de 396.000 euros destinados á mellora de camiños en distintas parroquias.
Paralelamente, tamén se avanzará na renovación do firme en rúas do casco urbano. Neste sentido, nos próximos días reunirase a mesa de contratación para adxudicar as obras nas rúas Atalaia e Uxío Novoneyra, cun investimento de 50.000 euros financiado a través dun convenio coa Deputación de Lugo.
Desde o goberno local inciden na relevancia destas actuacións, destacando o peso das parroquias nun municipio cunha ampla superficie e unha poboación significativa fóra do núcleo urbano.