Foz avanza cara a un espazo urbano máis humano e accesible

Foz
AMariñaXa
A reforma da rúa Irmandiños e da Praza de Galicia mellora a seguridade, a comodidade e a accesibilidade para todos os veciños
Fran-cajoto-obras-rua-irmandinos-praza-galicia-2026
10 Jan 2026

O Concello de Foz deu un paso importante na modernización do seu núcleo urbano coa reforma da rúa Irmandiños e da Praza de Galicia, creando espazos máis cómodos para as compras e xestións diarias, e máis seguros para familias e cativos.

Segundo o alcalde, Fran Cajoto, a intervención na rúa Irmandiños é crucial para o municipio, xa que por estas beirarrúas circulan diariamente numerosos veciños que realizan compras ou trámites administrativos. “Construímos unha contorna accesible, con pasos de peóns adaptados para persoas con mobilidade reducida e beirarrúas máis amplas”, explicou o rexedor.

Na Praza de Galicia, a reforma incorporou un acceso exclusivo para residentes, garantindo que os máis pequenos poidan xogar con tranquilidade. Ademais, mellorouse a iluminación e eliminaron barreiras arquitectónicas, en liña co obxectivo do Concello de avanzar cara a un Foz sen obstáculos, pensado para o benestar e a seguridade de todos os veciños e veciñas.

O proxecto reflicte o compromiso do goberno local de facer do municipio un espazo máis humano, accesible e adaptado ás necesidades da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.080946922302246