Foz ampliará ata 35 as prazas do programa Xantar na Casa para eliminar a lista de agarda

O goberno municipal de Foz proporá no próximo pleno a aprobación dunha nova addenda ao convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para ampliar de 20 a 35 as prazas do programa Xantar na Casa. A medida permitirá atender a demanda existente e suprimir a lista de agarda que actualmente xestionan os Servizos Sociais municipais.
A ampliación do servizo será posible tras a aprobación definitiva do orzamento municipal de 2026, que contempla un incremento da partida destinada a este programa asistencial. O obxectivo do Concello é aplicar esta mellora o antes posible para ofrecer unha resposta ás persoas que agardan por incorporarse ao servizo.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explicou que Xantar na Casa ten como finalidade favorecer a permanencia das persoas maiores ou dependentes nos seus propios fogares, ofrecéndolles unha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades nutricionais. A iniciativa está dirixida a maiores de 60 anos, persoas con mobilidade reducida, dependentes ou en situación de vulnerabilidade, contribuíndo a prolongar a súa autonomía persoal e a retrasar, na medida do posible, unha eventual institucionalización.
A edil destacou tamén que este recurso supón un importante apoio para as familias, xa que reduce a carga de coidados e facilita a conciliación, ao tempo que garante unha dieta adecuada para persoas que, en moitos casos, presentan dificultades para preparar as súas propias comidas.
O servizo consiste na elaboración e reparto semanal de menús a domicilio, adaptados ás patoloxías ou necesidades alimentarias de cada usuario. As comidas distribúense unha vez por semana, os mércores, en envases individuais preparados para conservar en frío e quentar no momento do consumo. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo e sobremesa, cumprindo cos protocolos de seguridade alimentaria e mantendo en todo momento a cadea de frío durante o transporte.
Ademais, aquelas persoas beneficiarias que non dispoñan de neveira ou microondas poden solicitar o préstamo gratuíto destes electrodomésticos a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, lembrou que o programa comezou a funcionar na primavera de 2020 con dez usuarios, despois da sinatura do convenio inicial en 2019. Coa ampliación que agora se propón, o servizo chegará a un total de 35 fogares, unha evolución que, segundo indicou, evidencia a boa acollida desta iniciativa e a necesidade de continuar reforzándoa.
O financiamento do programa é compartido entre a Xunta de Galicia, que achega o 46,66 % do custo, o Concello de Foz, cun 26,67 %, e os propios usuarios, que asumen a mesma porcentaxe restante.
As persoas interesadas en acceder ás novas prazas poderán presentar a súa solicitude no departamento municipal de Servizos Sociais ou solicitar máis información nas dependencias municipais.