Foz acollerá unha das propostas da V edición do festival de danza e movemento Abanea

Foz
AMariñaXa
O colectivo galego-portugués Glovo presentará a peza “Tríade” o 11 de xullo dentro dun festival itinerante que percorrerá diferentes espazos de Galicia
conservatorio_danza_lugo
4 Jul 2026

O festival de danza e movemento Abanea celebra este ano a súa quinta edición cun formato itinerante que se desenvolverá entre o 8 e o 12 de xullo en distintos escenarios de Galicia. Entre as propostas destacadas do programa atópase a actuación do Colectivo Glovo, que fará parada en Foz o día 11 de xullo.

A compañía galego-portuguesa, fundada en 2016 por Esther Latorre e Hugo Pereira, presentará a peza “Tríade”, unha creación de curta duración, duns 14 minutos, coreografada por Latorre e interpretada por ela mesma xunto a Estefanía Gómez e Paula Serrano.

A obra propón unha reflexión escénica na que se imaxina unha sociedade que deu por desaparecidos aos deuses e na que un grupo de mulleres se apropia de símbolos antigos para construír unha nova linguaxe baseada na complicidade, a risa e a conexión compartida.

O Colectivo Glovo caracterízase por unha linguaxe contemporánea que combina teatro, danza e espazos non convencionais, cun marcado compoñente visual. Ao longo da súa traxectoria, a compañía ten participado en festivais de Europa, Asia e América Latina, e foi recoñecida en certames internacionais como Burgos & New York ou CorpoMobile de Roma. Ademais, desenvolve en Lugo o programa de residencias artísticas “Atopémonos Bailando”.

A presenza de Abanea en Foz supón unha nova oportunidade para achegar a danza contemporánea ao público da Mariña, integrando creación, movemento e novos formatos escénicos en espazos próximos á cidadanía.

0.11297106742859