Foz acollerá un obradoiro gratuíto para aprender a detectar e combater a desinformación

Foz acollerá o próximo martes 1 de decembro un obradoiro contra a desinformación organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dentro do seu programa de alfabetización mediática, unha iniciativa que busca dotar á cidadanía de ferramentas para identificar noticias falsas e diferenciar a información rigorosa dos contidos enganosos.
A actividade terá lugar ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura e estará impartida por Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información e con experiencia profesional en ámbitos da comunicación, entre eles El Progreso e Diálogos Comunicación. Ademais, desenvolve labores docentes en igualdade e en accións formativas dirixidas a persoas desempregadas.
A formadora recibiu preparación específica en alfabetización mediática para trasladar aos asistentes recursos e estratexias que permitan recoñecer e combater a desinformación, nun contexto no que a proliferación de noticias falsas supón un desafío tanto para o xornalismo como para a calidade democrática.
A asistencia será libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa, ata completar a capacidade da sala.
O programa promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia conta co financiamento da Deputación Provincial de Lugo e busca estender á poboación adulta unha iniciativa formativa que a entidade leva desenvolvendo durante anos con escolares, coa finalidade de reforzar a capacidade crítica da sociedade fronte ás informacións falsas ou manipuladas.