Foz acollerá novas xornadas para a renovación do DNI e do pasaporte diante do Cenima

O Concello de Foz volverá contar nas vindeiras semanas coa presenza da unidade móbil da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e do pasaporte. Trátase do vehículo VIDOC, un servizo itinerante que permite realizar estes trámites en municipios que non dispoñen de comisaría fixa, evitando desprazamentos a outras localidades.
As xestións levaranse a cabo diante do edificio do Cenima, na Avenida da Ribeira, os días 13 e 27 de xaneiro e o 3 de febreiro. No caso da primeira data, xa non quedan citas dispoñibles, mentres que para o 27 de xaneiro e o 3 de febreiro aínda é posible reservar quenda.
A solicitude de cita previa pode realizarse chamando ao teléfono 982 140 027 ou de maneira presencial no Concello de Foz. Desde a organización lémbrase que é imprescindible acudir coa cantidade exacta en efectivo para aboar as taxas correspondentes.
O custo da renovación do DNI por caducidade, extravío, subtracción, deterioro ou anticipo é de 12 euros. Pola contra, a renovación co documento en vigor por cambio de datos persoais ou domicilio, así como para persoas pertencentes a familias numerosas, é gratuíta. No caso do pasaporte, a taxa establecida é de 30 euros, tamén en efectivo.