Foz acolle unha nova edición do Torneo de Minibasket M&W con máis de 200 participantes

Foz
AMariñaXa
A cita reunirá durante tres días a equipos de diferentes clubs nun evento xa consolidado na Mariña lucense
Foz-VI-TORNEO-DE-MINIBASKET-M&W-2026
27 Mar 2026

Foz converterase esta fin de semana nun punto de encontro para o baloncesto base coa celebración da sexta edición do Torneo de Minibasket M&W, unha iniciativa organizada de maneira conxunta polo CB Celtas Foz e a ADC Drocer. A competición desenvolverase os días 27, 28 e 29 de marzo, xusto antes do inicio da Semana Santa, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas destas datas na comarca.

Nesta edición daranse cita cinco clubs que participarán con equipos nas categorías de minibasket masculino e feminino, así como en preminibasket mixto. En total, serán 15 conxuntos os que saltarán á pista, reunindo arredor de 220 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos.

Os encontros disputaranse en dúas instalacións do municipio: o pavillón Torques de Marzán e o colexio Martínez Otero, que durante estas xornadas se converterán no epicentro da actividade deportiva.

Desde a organización destacan o crecemento progresivo do torneo, que ano tras ano incrementa a participación e o interese, converténdose nun espazo de convivencia, aprendizaxe e promoción do deporte base.

Pola súa banda, o responsable municipal de Deportes puxo en valor o labor das entidades organizadoras, subliñando o compromiso das persoas implicadas. Tamén destacou o impacto positivo desta iniciativa no fomento do baloncesto entre a infancia, cun aumento constante de inscritos nas categorías inferiores.

0.12850403785706