Foz achega os servizos de ITV e renovación de DNI á veciñanza sen necesidade de desprazamentos

O Concello de Foz informa que a unidade móbil da ITV para vehículos agrícolas desprazarase o martes 21 de outubro ata a área recreativa de Ferreira Vella, en San Martiño, onde atenderá en horario de 9.00 a 13.30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa chamando ao 902 309 000 ou a través da web www.sycitv.com. A organización lembra que non se pasarán inspeccións a vehículos con carga nin a aqueles que leven apeiros acoplados.
Esta iniciativa facilita aos agricultores e gandeiros da zona cumprir coa revisión obrigatoria dos seus vehículos sen ter que desprazarse ata a estación de Cangas, o que supón un aforro de tempo e custos. “A ITV móbil é unha excelente alternativa para os veciños de San Martiño, Santo Acisclo, Santa Cilla e Vilaronte”, destacou o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
Por outra banda, o rexedor anunciou que o Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional (VIDOC) visitará o municipio o martes 11 de novembro para tramitar renovacións de DNI e pasaporte. O vehículo estará estacionado no Paseo da Ribeira, fronte ao edificio do CENIMA.
As persoas interesadas poden pedir cita a través da web municipal www.concellodefoz.gal, chamando ao 982 140 027 ou de forma presencial no rexistro do Concello. Cajoto subliñou que “este servizo é moi valorado pola veciñanza e estamos traballando para que o vehículo da Policía poida vir dous días ao mes en lugar dun, como acontece agora”.
O alcalde agradeceu a colaboración da Policía Nacional e de Supervisión e Control SAU “polo achegamento de servizos esenciais á cidadanía, especialmente a aquelas persoas que teñen máis dificultades para desprazarse a outras localidades”.