Foz acollerá o LIV Campamento Galego de Espeleoloxía
A Federación Galega de Espeleoloxía en colaboración co Concello de Foz presentou este venres o LIV Campamento Galego de Espeleoloxía que se celebrará no Concello mariñán durante os días 11 e 12 de setembro. Esta edición será a continuación do proxecto iniciado co campamento do 2020 celebrado no Concello de Burela e que pretende documentar as furnas adscritas ao proxecto do Espeleoparque da Mariña.
Nesta edición os traballos centraranse na costa occidental do Concello de Foz, entre as parroquias de Cangas e Nois. O presidente dos espeleólogos galegos, Francisco Martínez, salienta que “o obxetivo é documentar o maior número de cavidades posibles, tanto con posicionamento GPS, como coas correspondentes topografías xeoreferenciadas para poder incluilas no Atlas Galego de Cavidades e Canóns.” Por outra banda o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, sinala que para a “o Concello de Foz este tipo de iniciativas que sirvan para poder coñecer, divulgar e por en valor a súa costa e a dos Concellos da Mariña son dunha importancia maiúscula. Por eso desde o primeiro momento no que a Federación Galega de Espeleoloxía os invitou a participar no proxecto do Espeleoparque e na posibilidade de celebrar o Campamento Galego en Foz o Concello non dubidou en sumarse.”
Os espeleólogos terán o seu campamento base no Centro Cívico de Cangas, dende onde se desplazarán pola costa para realizar os traballos de prospección e topografía. O local foi cedido de forma desinteresada pola Asociación de Veciños San Pedro de Cangas, feito que a Federación Galega de Espeleoloxía agradece, pois facilita os traballos ao ter un lugar cercano á zona de exploración que permita a pernocta e os traballos de gabinete dos deportistas.
O sábado día 11 o Profesor Emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní dará unha charla sobre a “Evolución da Costa e das Furnas” na Casa da Cultura de Foz as 19:30, esta actividade será aberta ao público ate cubrir aforo, dadas as restriccións da Covid 19.