Foron entregados os premios dos concursos de fotografía e de debuxo polo Día da Muller de Viveiro

AMariñaXa

O Concello de Viveiro entregou os premios do concurso de fotografía amateur 'Traballos e mulleres'; e do concurso de debuxo escolar 'Mamá traballadora', convocados ambos con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

premios concursos 8M Viveiro
premios concursos 8M Viveiro
14 abr 2024

O Concello de Viveiro entregou os premios do concurso de fotografía amateur 'Traballos e mulleres'; e do concurso de debuxo escolar 'Mamá traballadora', convocados ambos con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Estes certames son impulsados anualmente pola Delegación Municipal de Muller e o Centro de Información ás Mulleres de Viveiro como parte das iniciativas realizadas arredor do 8 de marzo.

O primeiro premio de fotografía, dotado con 300 euros, foi para 'Singer woman', de Luis María Barrio Sáenz. O segundo, de 150 euros, foi para 'Recordos', de Reyes Cerdá Mira. O terceiro, de 100 euros, para 'Trombonista de Viveiro percorrendo o mundo enteiro', de María Simón Cundíns.

O xurado deste premio estivo conformado por José María Álvez (fotógrafo de El Progreso), Pepa Losada (fotógrafa de La Voz de Galicia), Saúl Jiménez (fotógrafo de Carlos Fotógrafos) e Toño Goás (fotógrafo de Entrefotos).

No concurso de debuxo escolar recibiron o premio Aleixo Mariño Gómez, de 3º de primaria do CEP Lois Tobío; Lara González Insua, de 4º de primaria do CEIP de Celeiro; Xoel Canoura Escourido, de 5º de primaria do CPR Landro, e Carlota Oroza Díaz, de 6º de primaria do CEP Lois Tobío.

Deste xurado formaron parte Oliva Díaz Mejuto (artista local), Paula Díaz Mejuto (artista local), Ana María Abad López (CIM Viveiro), Margarita Fernández Franco (CIM Viveiro) e María Covadonga Dopico Cachán (Biblioteca Municipal).