Formoso pídelle a Alcoa “que aclare como inflúe no futuro de San Cibrao” a compra de Alumina Limited

AMariñaXa
A multinacional estadounidense Alcoa quere dilatar o rearranque do Aluminio ata 2025 para reducir o seu custe
27 Feb 2024

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que Alcoa debe aclarar “como inflúe no futuro da planta de San Cibrao a súa adquisición de Alumina Limited”, propietaria do 40 % das instalacións lucenses. Formoso lembrou que con este movemento a firma estadounidense terá o control total sobre o complexo da Mariña, o que implica tamén unha capacidade exclusiva de decisión.

Por ese motivo, considera necesario que o Ministerio de Industria convoque a reunión da comisión de seguimento que está pendente dende o pasado 26 de xaneiro. “A propiedade debe explicar se a adquisición é positiva para a planta de San Cibrao ou, pola contra, debemos estar alerta”, explicou o secretario xeral socialista, que fixo notar que se trata dun cambio accionarial “moi relevante, xa que implica a concentración de todo o poder nas mesmas mans”.

Formoso destacou o impacto da factoría na provincia lucense, xa que representa o 30 % do seu PIB, e mostrou a súa preocupación pola repercusión que calquera movemento podería ter tamén no emprego da Mariña, “onde centos de traballadores dependen da actividade desas instalacións”, especialmente os das empresas auxiliares.

https://galiciaxa.com/2024/02/amxa/zonas-amxa/cervo-amxa/256880/

0.085862874984741