Fol do Raxal organiza un Magosto este sábado con música, contacontos e castañas gratis

O pavillón de San Román, en Cervo, acollerá este sábado 24 de outubro unha nova edición do Magosto Musical organizado pola asociación Fol do Raxal. A festa comezará ás 18:00 horas e reunirá música tradicional, gastronomía e convivencia, con castañas de balde para todas as persoas asistentes.
O programa desta segunda edición incluirá as actuacións de Caxoto Contacontos, as Pandeireteiras da Sementeira, O Arco da Vella e a propia asociación organizadora, Fol do Raxal. A xornada contará tamén con comida e bebida para acompañar a celebración.
Unha vez rematados os espectáculos, a música continuará cunha foliada libre na que poderá participar calquera persoa que queira sumarse ao canto e ao baile tradicional.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Cervo e da Comunidade de Montes Veciñais de San Román de Vilaestrofe. Desde o goberno local animan a veciñanza a achegarse ao pavillón para gozar dunha celebración que busca manter vivas as tradicións do outono galego e fomentar a participación e a convivencia entre os habitantes da localidade.