Finalizan as obras de mellora da Escola Infantil Municipal de Barreiros
Finalizan as obras de mellora da Escola Infantil Municipal de Barreiros, dotando o edificio dunha rampla de acceso e evacuación, adaptada á normativa de evacuación. O Concello de Barreiros traslada que nas labores de mellora e mantemento do edificio, colocáronse tamén elementos de protección nas aristas do patio exterior e prevese o cambio do chan dunha das aulas para a mellora das condicións da mesma.
A construción da rampla supuxo un investimento de máis de 6.600 euros, realizándose coas condicións de accesibilidade e tamén cumprindo coa normativa para as saídas de emerxencia en caso de evacuación. Deste xeito, dótase ao edificio dunha nova saída máis próxima ás aulas de 0 a 1 anos que se pode evacuar mesmo utilizando os berces móbiles, tal e como se recomenda nos plans de evacuación postos en marcha e realizados tamén durante o curso.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que anualmente estanse a realizar investimentos de mellora no edificio municipal, que comezaron coa legalización da instalación eléctrica no ano 2019 e continúan con obras de mellora; pero tamén con dotación de material educativo e realización de proxectos e formación para o persoal. Ermida destaca o nivel e os servizos que se prestan na Escola Infantil de Barreiros que a converten “nunha referencia para preto de corenta familias que gozan dun instrumento de conciliación e atención da primeira etapa educativa moi ben valorada”.
A rexedora anuncia tamén que o vindeiro ano prevén levar a cabo o pintado exterior do edificio, que complementaría tamén a renovación da pintura interior que se vai realizando paulatinamente en función da ocupación do edificio.
A concelleira delegada de educación, Montse Porteiro, lembrou que “a Escola Municipal de Barreiros non pecha ningún mes, dando servizo tamén en agosto; polo que os traballos deben ir organizándose de xeito que interrompan o menos posible na actividade do centro”.