Extinguido o incendio que afectou a 38 hectáreas dos concellos de Monfero e Guitiriz

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08,30 horas de hoxe.
Ás 23,50 horas de onte quedou extinguido o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado este mércores ás 14,26 horas. Finalmente afectou unha superficie 38,03 hectáreas, das cales 33,38 se corresponden con monte raso e 4,65 de arborado, a maior parte delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 técnicos, 16 axentes, 20 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.
Segue controlado desde as 13,36 horas de onte o incendio forestal rexistrado no municipio de Ourol, parroquia de Merille, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 11 axentes, 22 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.