Extinguido o incendio de Taboada mentres seguen controlados os de Monfero-Guitiriz e Ourol

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | FerrolXa
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal
hidroavion-extincion-incendios-monte-lugo
31 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20,00 horas de onte.

Ás 19,40 horas de onte quedou extinguido o incendio do concello de Taboada, parroquia de Insua, que finalmente afectou unha superficie de 46,63 hectáreas, das cales 41,1 se corresponden con monte arborado e 5,53 con raso. Para a extinción deste incendio, orixinado ás 16,44 horas deste martes, mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 16 axentes, 32 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

Por outra banda, continúa controlado desde as 22,22 horas de mércores o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado este mércores ás 14,26 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, parte delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 16 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Tamén segue controlado desde as 13,36 horas de onte o incendio forestal rexistrado no municipio de Ourol, parroquia de Merille, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Comezou o mércores ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

0.12780785560608