Expomar reúne en Burela ao sector pesqueiro para analizar o presente e reclamar cambios de futuro

Burela convértese hoxe, xoves 14 de maio, no epicentro do debate pesqueiro coa celebración das XXXIII Xornadas Técnicas de Expomar, unha cita de referencia para o sector que reunirá no salón de actos da Confraría de Pescadores a representantes institucionais, profesionais do mar, expertos, universidades e organizacións vinculadas á actividade pesqueira de ámbito galego, estatal e europeo.
A convocatoria, organizada pola Fundación Expomar e cofinanciada pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, chega este ano cun formato renovado, concentrando toda a programación nunha única xornada de mañá e tarde.
O encontro arrancará cun acto inaugural no que participarán a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; e o director xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Ramón de la Figuera.
Durante a sesión matinal desenvolveranse varias mesas de debate centradas nos principais desafíos que afronta o sector pesqueiro. Entre os asuntos que se abordarán destacan a xestión pesqueira, o futuro da actividade extractiva, a falta de relevo xeracional, a formación profesional ou a sustentabilidade económica e social da pesca.
Xa pola tarde, a directora xeral da Mariña Mercante, Ana Núñez, ofrecerá unha intervención relacionada coa Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo. A programación concluirá cun coloquio centrado na pesca no Parlamento español, no que participarán os deputados galegos Rosa Quintana, Patricia Otero e Néstor Rego.
Coincidindo coa celebración do Encontro Empresarial de Expomar, vinte e tres organizacións do sector pesqueiro extractivo fixeron públicas unha serie de conclusións e reivindicacións nas que alertan da delicada situación que atravesa a actividade.
As entidades participantes consideran que a pesca precisa políticas “realistas e aplicables” que permitan garantir a continuidade dun sector que definen como estratéxico para o emprego, a economía e o abastecemento alimentario. Ademais, advirten de que a viabilidade económica da frota está “seriamente comprometida” debido á redución da produción, ao incremento de custos e á dificultade para atraer xente nova ao oficio.
Entre as principais demandas trasladadas ás administracións figura a necesidade de simplificar normativas europeas, reducir burocracia e revisar medidas que consideran excesivamente restritivas. Tamén expresan preocupación polo posible recorte dos fondos europeos destinados á política pesqueira e reclaman que a pesca sexa recoñecida como un sector alimentario estratéxico dentro da Unión Europea.
No ámbito estatal, o documento aposta por reforzar os incentivos fiscais, flexibilizar a formación marítimo-pesqueira, facilitar a homologación de titulacións e impulsar medidas que permitan facer fronte ao aumento dos custos do combustible e da loxística.
Outro dos aspectos nos que insisten as organizacións asinantes é na necesidade de promover o consumo de peixe mediante campañas estatais de divulgación e promoción da dieta atlántica e pesco-mediterránea, poñendo en valor os beneficios nutricionais dos produtos do mar.
As conclusións foron apoiadas por entidades de diferentes puntos do Estado vinculadas á pesca extractiva, confrarías, organizacións de produtores, cooperativas e asociacións armadoras, consolidando Expomar como un dos grandes espazos de reflexión e análise do sector pesqueiro.