Éxito de participación do II Encontro de Ilustración e Natureza da man do Veiguello de Vilaformán

AMariñaXa
Foi unha actividade de convivencia entre diferentes xeracións organizada pola asociación cultural de Trabada
II-Encontro-de-Ilustración-e-Natureza-trabada
8 Oct 2024

O II Encontro de Ilustración e Natureza xuntou no Teleclube da parroquia de Vilaformán aos veciños e veciñas de Trabada cos nenos e nenas do CEIP Celso Currás. Foi unha actividade de convivencia entre diferentes xeracións organizada pola asociación cultural Veiguello de Vilaformán coa colaboración do Concello de Trabada. Desenvolveuse durante a mañá de onte, luns 7 de outubro, coa participación da artista invitada Sarela Lorenzo.

Os veciños e veciñas de Trabada acudiron con plantas da zona e contáronlle aos nenos e nenas o uso que se lles daba, mentres que o alumnado, coa axuda de Sarela Lorenzo, compuxo unhas ilustracións. “Quero agradecerlles a Ana Moreiras e a Miguel de Lira a gran implicación que teñen con Trabada coa Asociación Cultural o Veiguello, a través da que realizan diversas actividades durante o ano na parroquia de Vilaformán para todos os veciños e veciñas do concello que
desexen participar”, explica o alcalde, Rubén García.

“O Concello de Trababa continúa coa súa aposta de colaborar con tódalas asociacións, clubes e comisións de festas do noso concello, ofertando o maior número de actividades posible de carácter cultural, deportivo ou festivo”, engade o alcalde. “É vital para o noso concello esa implicación e colaboración entre as asociacións e a administración local, con actividades para a veciñanza ás que incluso se achegan persoas de concellos veciños”, remata Rubén García.

0.16246700286865