Execútase a pavimentación e mellora da seguridade vial entre San Vicente e Vilela
O Concello de Xove, a través do seu alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, informa da finalización das obras de pavimentación e mellora da seguridade viaria no camiño que une os núcleos de San Vicente e Vilela, na parroquia da Rigueira. Esta actuación supón un importante avance para mellorar o acceso rodado na zona, incrementando a seguridade, accesibilidade e durabilidade do vial.
O camiño, que ata agora era estreito e dificultaba o paso de dous vehículos, supoñía un problema para o tránsito de vehículos de gran tamaño como os de servizos de reparto de butano, recollida de lixo ou emerxencias como bombeiros.
Os traballos realizados consistiron na limpeza e saneado dos bordos do camiño, retirando a vexetación existente. Ademais, procedeuse a anchear e taluzar o vial nunha largura aproximada dun metro. Executáronse canalizacións de auga entubada e instaláronse cunetas de formigón practicable, permitindo así unha maior amplitude no vial. Finalmente, aplicouse unha capa de asfaltado de 5 cm de espesor, composta por mestura bituminosa continua en quente AC16 Surf D, que inclúe o rego previo para a capa de rodaxe.
O orzamento base de licitación para esta obra foi de 77.876,23 euros, e tras o proceso de licitación pública, o contrato foi adxudicado á empresa CARFERLO S.L. por un importe final de 73.024,35 euros.