Evangelina Martínez, veciña de Cuíña, celebra os seus 102 anos rodeada da súa familia

Evangelina Martínez, veciña de Cuíña, en Cervo, celebrou os seus 102 anos acompañada dos seus seres queridos. Con motivo desta data especial, a alcaldesa do municipio, Dolores García Caramés, achegouse ata o seu domicilio para trasladarlle os parabéns e facerlle entrega dun ramo de flores en representación do Concello.
A visita permitiu compartir un momento de agarimo con Evangelina e coa súa familia, nunha xornada marcada pola celebración dunha vida que supera xa o século. O goberno local quixo sumarse así á alegría dos seus achegados e recoñecer a traxectoria vital da homenaxeada.
Ao longo da súa vida, Evangelina dedicouse á labranza e acumulou numerosas experiencias, lembranzas e anécdotas que continúa compartindo cos seus. Quen a coñecen destacan a súa alegría, o seu bo humor e a súa vitalidade, características que a converteron nunha persoa moi querida en Cervo.
Durante o encontro, García Caramés expresou a satisfacción de poder acompañala nun aniversario tan significativo e desexoulle saúde e benestar para seguir gozando da compañía da súa familia.
"É unha alegría enorme poder acompañar a Evangelina e felicitala polos seus 102 anos. É todo un privilexio celebrar unha vida tan longa, chea de experiencias e recordos, e facelo rodeada do cariño da súa familia", sinalou a alcaldesa.
Desde o Concello de Cervo trasladáronlle os seus mellores desexos e sumáronse á celebración deste aniversario tan especial.