Eu como peixe de Burela, unha campaña para achegar o peixe aos máis pequenos

AMariñaXa
Eu como peixe de Burela, unha campaña para achegar o peixe aos máis pequenos. Dirixida aos nenos de seis a oito anos
eu como peixe xornada nutricionista
eu como peixe xornada nutricionista
13 dic 2022

En colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de  Burela, a nutricionista Alba Vila celebrou o pasado mércores 7 de decembro a  xornada divulgativa Eu Como Peixe, dirixida aos nenos e nenas de seis a  oito anos do Colexio Plurilingüe Virxe do Carme de Burela.

A xornada consistiu nunha charla divulgativa sobre os beneficios de comer  peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que ademais dos seus centros de  dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio da zona.

Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de  Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.

No acto participaron uns 30 alumnos de primeiro e segundo de educación  primaria, que ao final da charla recibiron un regalo en forma de mandil e gorro de chef cos que prometeron que axudarán a cociñar moito peixe nas súas  casas.

Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela  inclúese no su plan de produción e comercialización, en colaboración con  Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.