Estudantes de turismo presentan propostas para mellorar a experiencia dos visitantes en Viveiro

Un grupo de oito alumnos e alumnas que cursan a especialidade de promoción turística e atención ao visitante no Centro de Formación Profesional Ocupacional da Xunta de Galicia en Viveiro mantiveron un encontro coa alcaldesa, acompañados por unha das súas profesoras, no marco do seu proceso formativo. A visita serviu como espazo de diálogo para trasladar distintas propostas orientadas a reforzar e modernizar a oferta turística do municipio.
Durante a reunión, o alumnado compartiu unha análise baseada tanto na formación recibida como na súa propia experiencia como veciñanza de Viveiro. Neste sentido, puxeron en valor os principais atractivos do concello, ao tempo que identificaron ámbitos nos que consideran necesario introducir melloras para avanzar cara a unha experiencia turística máis completa e accesible.
Entre as suxestións presentadas figuran a actualización da información dispoñible na páxina web municipal, especialmente no relativo a horarios e contidos vencellados á visita de monumentos e recursos patrimoniais. Tamén se abordaron cuestións relacionadas coa mobilidade e o transporte público, co obxectivo de facilitar o acceso a determinados puntos de interese tanto para visitantes como para residentes.
O grupo propuxo igualmente reforzar a sinalización nalgunhas rutas e espazos singulares, mellorar a interpretación e a visibilidade de áreas de carácter etnográfico e estudar a posibilidade de habilitar unha zona específica para o estacionamento de caravanas. Ademais, destacaron a importancia de revisar a presentación e difusión de eventos e actividades culturais e turísticas, adaptándoas ás novas ferramentas dixitais para incrementar a promoción do destino.
Os alumnos realizarán o seu período de prácticas entre o 30 de abril e o 18 de xuño. Desde o Concello trasladouse a vontade de colaborar e tentar acoller o maior número posible de estudantes durante ese tempo, facilitándolles unha primeira toma de contacto co funcionamento municipal e coas liñas de traballo que se desenvolven no ámbito do turismo.