Estanse a rematar as melloras en máis dun quilómetro da N-640 ao seu paso polo casco urbano da Pontenova

AMariñaXa
Estanse a rematar as obras de mellora en máis dun quilómetro da N-640 ao seu paso polo casco urbano do Concello da Pontenova.
N 640 Pontenova acondicionamento  1
N 640 Pontenova acondicionamento 1
14 dic 2022

A subdelegada explicou que estes traballos contan cun investimento do Mitma de 48.000€ e consisten no arranxo da vía, co fresado, reposición de aglomerado en quente e repintado da sinalización.

Estanse a rematar as obras de mellora en máis dun quilómetro da N-640 ao seu paso polo casco urbano do Concello da Pontenova.

Estes traballos, que contan cun investimento de 48.000 euros, consisten no acondicionamento da vía, co fresado, reposición de aglomerado en quente e o repintado da sinalización horizontal e vertical. Concretamente, as obras realízanse entre os puntos quilométricos 36,045 e 37,800.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou que con estas novas actuacións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) “atendemos a unha demanda dos veciños e veciñas da Pontenova, que xa nos trasladara o alcalde, mellorando a seguridade viaria desta estrada tan importante e beneficiando directamente aos habitantes do municipio e aos miles de cidadáns que a empregan a diario, pois comunica a comarca da Mariña e Asturias coa capital da provincia”.

Nesta liña, a subdelegada explicou que o firme presentaba un deterioro debido á gran cantidade de tráfico de vehículos que soporta este tramo, “polo que era necesario actuar canto antes” e enmarcou estes traballos “nos labores de conservación que dende o Goberno estamos efectuando na rede viaria estatal da provincia de Lugo cun investimento de 10,3 millóns de euros”.

En relación con isto, Isabel Rodríguez lembrou o compromiso do Executivo co mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado en Lugo, coa partida de 17,7 millóns de euros que recollen os Presupostos Xerais do Estado para o 2023, un 71% máis respecto da deste ano. Nesta partida englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

Ademais, a subdelegada subliñou que con 10,7 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia levaranse a cabo medidas para a integración das Estradas do Estado en contornos urbanos e actuacións de dixitalización, conservación, explotación e mellora da seguridade viaria.

Neste sentido, Isabel Rodríguez resaltou que a seguridade viaria é prioritaria para o Executivo Central, e por “iso fai un importante esforzo en destinar recursos para manter as estradas estatais en boas condicións”.

N 640 Pontenova acondicionamento  2